Opinión

Acueduto vacacional

Interior dunha árbore de nadal en Vigo.
photo_camera Interior dunha árbore de nadal en Vigo.

Soamente a min se me ocorre coller o coche este pasado xoves para ir tomar café á casa duns amigos na parroquia viguesa de Bembrive. Xa me chamou a atención á ida que pola Avenida de Madrid, principal entrada á cidade olívica, as caravanas das catro da tarde eran espectaculares, pero pensei que se trataba da hora punta de asistencia ao traballo.

Nada máis lonxe da realidade, unha realidade que me deu na cara cando á volta, hora e media despois, vinme metido de cheo nunha dobre ringleira de coches que me levou ata o primeiro cartel luminoso que indicaba que para chegar á Praza de España cumprían 27 minutos, algo que se fai habitualmente en cinco. Pensei que estaban equivocados os paneis e que serían 7 en vez de 27.

Non foron 27, foron 37, tempo suficiente para decatarme de que a maioría das matrículas dos coches eran portuguesas, con centos de visitantes do País veciño que se desprazaban a Vigo aproveitando o día festivo no que celebran o Día da Restauración que comemora a independencia portuguesa de España do ano 1640. E con tanto retraso non valeu de nada o meu cálculo para non coincidir co aceso das luces de Nadal ás seis e media da tarde, a esa hora eu aínda estaba metido nun atasco monumental á altura do Corte Inglés, onde botei outra media hora longa para avanzar 500 metros baixando pola Gran Vía.

Total, o que tiña que ser un traxecto de apenas 15 minutos converteuse nun suplicio de hora e media. Nin lles quero contar o caos circulatorio e de aparcamento que se producíu no centro da cidade a partir dese momento, dame a impresión de que algúns visitantes aínda andan agora mesmo buscando lugar de aparcamento polas ladeiras do Castro.

Que as luces de Vigo son o maior reclamo que ten a cidade na súa historia é algo indiscutible, e que se durante a fin de semana queres moverte polos lugares máis emblemáticos terás que armarte de moita paciencia, como me ocorreu a min o sábado pasado en hora punta para desprazarme ata a rúa do Príncipe, onde ía camiñando como se fora procesionando detrás do Cristo da Victoria, a quen lle teño especial devoción. Iso sí, coa mascarilla posta en todo momento porque ao dicir da miña hematóloga a cantidade de virus por metro cadrado é dos que meten medo, incluído o da Gripe A, que xa me visitou hai uhas semaniñas e que me fixo pasar, a modo preventivo, catro diíñas polo “Alvaro Cunqueiro”, a deus gracias soamente cunha tos un chisco impertinente.

A min a verdade é que me gusta ver as cidades cheas de xentes con ganas de festa e sobre todo nestes tempos tan convulsos nos que xa bastante tristura e desazón hai no día a día; pero tamén é certo que non me fío nada de toda esa bichería que anda solta e volvín recuperar o uso da mascarilla para os ascensores, os lugares pechados ou os cheos de xentes chegadas desde media España, como é o caso de Vigo, que volve estar ata os topes, sobre todo esta fin de semana na que o tempo acompaña. Agardo que o AVE faga que Ourense cidade e provincia sexan tamén destinos de referencia para gozar deste acueducto vacacional que mobiliza a millóns de persoas. Pasada a fin de semana creo que a auga vai fastidiar un pouco a cousa, pero para os que temos días de gravacións e traballo e non podemos viaxar, será tamén o momento de montar o Belén, que á fin e ao cabo é o que lle segue dando sentido a toda esta algarabía.

Te puede interesar