Opinión

Al alás de Uxío e Uxía

Esta noite terei a honra de recibir no plató de Bamboleo a unha das voces máis importantes da música galega contemporánea, a voz e, por suposto, a arte de Uxía Senlle. Sigo a esta muller desde hai moitos anos, seguramente moito antes de que ela me descubrira a min, non como personaxe televisivo senón como persoa; e penso que este descubrimento mutuo fixo que a pesar de vernos menos do que quixeramos nos profesemos admiración e cariño. Esto nótase cando nos encontramos e nos damos un abrazo e un par de bicos dos de verdade, sexa no plató de televisión ou sexa xantando no compostelán Restaurante "16" do amigo Suso.

Coñecín primeiramente a esa Uxía que os amantes da boa música coñecen desde hai tempo, unha muller comprometida co País e coa lusofonía, coa causa feminista, coa cultura e con todo aquelo que axuda a dignificar o noso idioma e o noso xeito de ver e de facer as cousas; coñecín á artista que impactaba cantando en solitario ou ao lado doutras grandes como Amália Rodrigues ou María del Mar Bonet, moito antes de ser unha figura recoñecida en moitos circuitos artísticos europeos, e moito antes dos seus "Cantos na Maré" que a levan cada ano por todos os países que compartimos a lingua que nos une. Pero foi a raíz do "Tantarantán", o programa televisivo que fixemos hai algúns anos para a TVG, cando descubrín tamén a unha Uxía moi divertida e cun toque festeiro realmente importante, unha muller que era quen de emocionarnos coa “Gotinha d’água”, cantada a dúo con António Zambujo, ao tempo que podía botar unha risas bailando un pasodobre en plena pista ao ritmo da orquestra. Ao final, neste noso querido País todos temos un punto verbeneiro importante, e iso tamén é bo.

Falar aquí da traxectoria musical desta muller está por demais, xa que todo figura en internet e eu non son dos de "corta-pega" para encher liñas; pero sí que direi que cada traballo seu supera ao anterior, sexa en solitario ou nas múltiples colaboracións con outros grandes como Narf, Magín Blanco, Donald Shaw, Nani García, Dulce Pontes, Joâo Afonso, Susana Seivane, Julio Pereira, Quim Fariña ou o ourensán Emilio Rúa entre outros moitos; Uxía sempre é sorpresiva, e o mesmo se sobe ao tren musical de "María Fumaça", que lle fai unha homenaxe de luxo a Manuel María cantando os seus máis fermosos poemas, acompañándose doutro luxo da música galega, o gran Xabier Díaz, que non para de colleitar éxitos nos seus concertos, acompañado de “Adufeiras de Salitre” con quen recentemente triunfou no Womex de Santiago de Compostela.

Nesta edición de Bamboleo a querida Uxía prometeunos cantar un fermosísimo poema inédito do poeta do Caurel, Uxío Novoneyra, que o seu fillo lle fixo chegar á nosa cantora para que o musicara e o interpretara, cousa que ela fixo de xeito maxistral, sendo a peza coa que Uxía pecha todos os seus concertos; trátase de "Alalás Encadeados" que estamos ansiosos por volver escoitar e gozar esta noite na Televisión de Galicia.

Te puede interesar