Opinión

Almorzando con Christian e Lucía

Lucía Pérez e Christian Escudero.
photo_camera Lucía Pérez e Christian Escudero.

A Gala do 25 de Xullo da TVG, ademáis de proporcionarme moitas satisfaccións a nivel profesional, permitíu que compartise almorzo un par de días cos meus amigos Christian Escuredo e Lucía Pérez. Había moito tempo que non coincidía conxuntamente con estes dous artistas saídos da factoría da nosa televisión, e non podedes imaxinar o inmenso pracer que produce ver como os teus "nenos" foron medrando a pasos axigantados e converténdose en dúas grandes figuras do espectáculo. Nunca esquecerei o momento no que Lucía, subida naqueles tacóns imposibles, namorábanos a todos no escenario eurovisivo de Düsseldorf; nin cando Christian se reencarnaba no personaxe de Felicia no musical "Priscilla Reina del Desierto" que tanto éxito e premios lle reportou. Mirando para eles, non podía olvidar a aqueles cativos que comezaran a súa andaina polos escenarios e platós de Galicia concursando no "Téquele" ou na "Canteira de Cantareiros", sempre acompañados das súas respectivas nais, que naqueles momentos eran as mellores "managers" que podían ter.

O de Valdeorras e a do Incio son un vivo exemplo de traballo e constancia, de preparación, tanto a nivel académico como actoral e musical; nunca deixaron nin deixan de aprender e perfeccionarse, e proba delo foron as cancións que interpretaron na nosa Gala, xuntos e por separado, que nos puxeron a pel de pita. Nese momento sentín o orgullo de quen dalgún xeito tamén formou parte da súa biografía, apoiando os seus primeiros pasos profesionais e os seus primeiros discos; xa que ademáis de "Luar" sempre atoparon acubillo en programas como "Supermartes" ou "Tequelexou", así como na Radio Galega, e por suposto nas páxinas deste xornal.

O disco "Quince Soles" de Lucía Pérez é un vivo exemplo de todo o sementado durante os quince anos de carreira musical, desde a publicación daquel primeiro traballo titulado "Amores y Amores", unha carreira na que, da man do productor Chema Purón, foi conquistando escenarios tan importantes como o de Viña del Mar en Chile. 
No caso de Christian Escuredo soamente hai que remontarse uns meses atrás para ver como se converteu no protagonista absoluto de "33 El Musical", encarnando a Xesús de Nazaret, e que emocionou a milleiros de espectadores que durante dúas tempadas fixeron que o actor de Valdeorras dera outro paso de xigante na súa carreira actoral. Un e outro, o mesmo que todos os seus colegas de profesión, agardando a poder volver poñerse diante do público para seguir dando o mellor de sí.

E aí volvían estar xuntos estes dous amigos sobre o escenario que tantas veces pisaron no Plató 1000, o mesmo que servíu para que durante catorce anos eu comezara cada martes dicindo aquelo de "Querida Parroquia moi boas noites", e deso e de mil cousas máis falamos neses almorzos no Hotel Los Abetos de Santiago de Compostela, desde onde tiven unha atalaia privilexiada para gozar cos Fogos do Apóstolo, que ainda que este ano foron distintos, dalgún xeito serviron para exorcizar todo este calvario polo que estamos pasando por culpa do maldito virus que non quere deixarnos vivir en paz. 

Menos mal que aínda quedan estes momentos para compartir con amigos como Christian e Lucía, ou esoutros nos que a profesión che permite conversar no escenario e logo no hotel con persoas da talla de Luz Casal. Para non esquecer.

Te puede interesar