Opinión

As charangas

Una charanga toca en Ourense.
photo_camera Una charanga toca en Ourense.

"La Charanga” é unha canción que marcou o devir profesional do cantante Juan Pardo trala separación de Junior, naquel momento no que como dúo eran o máximo expoñente do incipiente pop español. Cancións como “Anduriña” ou “Lo que el viento se llevó” figuraban no máis alto da lista de éxitos radiofónicas e de ventas de singles, que era o formato que máis se levaba daquelas.

O conto é que cando todos os productores vían na carreira en solitario de Junior o novo maná, apareceu Juan Pardo cunha canción con enorme arrecendo a romería galega titulada “La Charanga”, converténdose en número un indiscutible en toda España e lanzando ao cantante galego ao estrelato. A partir de aí a vida profesional de Juan non fixo máis que medrar á base de éxito tras éxito, tanto para él como para moitos artistas aos que consagrou deseñándolles traxes discográficos á medida, como fixo con Los Pecos, Juan Camacho, Xil ríos co seu “Xirarei”, Luz Casal, Camilo Sesto ou a gran Rocío Jurado entre moitos outros. Dise que cada catro minutos segue soando nalgunha parte do mundo o “No me hables”, facendo que nunha ocasión na que eu estaba pasando uns días na casa de Juan na serra madrileña lle espetara: “Juan, ti non precisas levantarte da cama cada mañá, con darlle á máquina de facer cartos por dereitos de autor xa está”. Fixéralle moita gracia a miña saída, pero deseguido colleu a guitarra e púxose a conformar unha nova melodía que ao cabo se convertería nun novo éxito.

Con todo isto o que eu quero hoxe é aproveitar este título da “Charanga”  para homenaxear a todos eses rapaces, e ás veces non tan rapaces, que forman esas estupendas agrupacións, que moita xente acaba de redescubrir e valorar ao comprobar a súa calidade nestes tempos de pandemia, sendo dos poucos que de cando en vez poden facer soar os seus  instrumentos para recordarlle á poboación que hai vida e que é día de festa, aínda que o santo de turno quede sen procesión. Estas estupendas charangas son quen de “darlle unha volta ao espectáculo creando unha versión adaptada ao Covid”, en palabras de Diego López “Yeyo”, integrante da “Charanga BCB”, que así o expresaba este pasado xoves nas páxinas de “La Región”, un músico ao que eu coñecín en Oviedo onde coincidimos no “Día de Galicia” ao que el asistía formando parte da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

Pois hai moitos “Yeyos” neste noso País dispostos a seguir dándolle duro ás percusións ou soprando o que faga falta para que a música non pare; e por iso eu hoxe no programa nocturno da Radio Galega entrevisto a Pedro, compoñente da Charanga “Ardores”, moi seguida e querida sobre todo por Lalín e as Terras do Deza, unha formación que como moitas outras o mesmo te despertan a golpe de Alborada, que che fan a Sesión Vermú ou que soben ao palco para darche un concerto; porque así son moitas das charangas galegas, con excelentes músicos e con moitas ganas de transmitir bo rollo e boa música en toda canta festa se organice. Sei que moitos dos seus compoñentes compaxinan a súa arte formando parte de bandas de música e orquestras, e tamén sei que moitos deles teñen un plan “B” na súa vida diaria, como é o caso do meu convidado radiofónico, Pedro “O Panadeiro”, porque se veñen tempos coma estes nos que o trombón ou o saxo soan pouco, nada mellor que un bolo artesanal recén saído do forno para darlle alegría ao corpo.

Te puede interesar