Opinión

As néboas de agosto

Estamos todos os que veraneamos na costa pensando en trasladarnos a Allariz, ou a algunha outra fermosa vila da provincia ourensá para poder verlle a cara ao sol neste mes de agosto, e facerlle algo de gasto as boticas que venden protección 50.

Cando cheguei a Vigo para vivir hai xa vinte e tantos anos, os meus amigos Manolo Núñez e María Valencia, ourensáns residentes na cidade olívica moito antes ca min, xa me advertiron do fenómeno meteorolóxico que por estes lares chaman “as neboas de agosto”. O que pasa é que este ano ditas néboas adiantaron a súa entrada triunfal polas Cíes e non agardaron a que pasara a ponte do 15, e xa sei de varias familias de Madrid, os “jodechinchos” de toda a vida que din por Cangas, que están pensando en facerse o harakiri ao non poder meter un pé na auga na semana que levan entre nós, non soamente porque estea conxelada, que o está, é que salvo o martes desta semana que, tal como anticipaba o diario “Altántico” de que as augas terían unha temperatura de 22 graos, e así o comprobei eu dándome o que será sen dúbida o único baño do verán, o resto dos días tiveron unha media de 17 graos, o que para min e para estes señores da capital é como meterse nun barreño de cubos de xeo.

Alguén dirá que os que veranean polas nosas rías veñen buscando xustamente ese frescor que combata as tremendas ondas de calor, e gozar durmindo cun par de mantas enriba, cousa que estou facendo eu durante toda esta semana, e sair a tomar o café da noite armados de cazadoras como se estiveramos de visita nos fiordos noruegos; pero eu asegúrolles que despois dun par de días de cura de acaloramentos, xa están bufando por non poder lucir á volta das vacacións un lixeiro moreno que deixe claro diante da súa veciñanza que estiveron dándose enchentas de marisco nas Rías Baixas.

Mentres isto escribo, ás dez da mañá, tería que estar vendo desde a miña galería, que está xusto enriba da area da praia, a un montón de barrigas flotantes correndo como se lles fora a vida nelo, pensando que en sete días van baixar o que meteron no bandullo o resto do ano; pois nin iso, que fai un frío que pela, e non é cuestión de coller un catarro que lles amole o resto das vacacións.

Aquí o único beneficiado de toda esta adversa climatoloxía é o Apóstolo Santiago e a súa Compostela, porque, a parte de que alí, igual que en Ourense, loce o sol todo o día, os nosos visitantes van gañando o xubileo e aproveitando para darse un baño de cultura que tampouco vén mal.

Algún amigo galego-mexicano cando reflexiono en alto sobre estas cousas sempre me di que teño que ir vivir a Cuernavaca, cidade fermosísima que te recibe cun enorme cartel no que anuncia que entras na “Eterna Primavera”; e dou fe delo por ter estado alí xantando nas “Mañanitas” nunha das visitas a México que os meus amigos Luis e Carlos Portabales do Carballiño me programaron hai uns anos; viaxe marabilloso que nunca esquecerei, coa visita ao fantástico Acapulco, un deses lugares míticos que eu xa desexaba coñecer desde que Raphael rodaba alí algunha das súas exitosas películas. Non poderei esquecer a miña chegada ao Hotel Princess en pleno mes de xaneiro e sen sequera desfacer a maleta ir a mergullame nas augas do Pacífico a 30 graos ás oito da tarde. 

Pero a falta de Pacífico temos Atlántico, que é frío como un carambelo, pero que ten polos nosos lares unha beleza realmente encomiable. Asegúrolles que a pesar dos pesares non o cambio polo torrado e a humidade do Mediterráneo, aínda que mo poñan gratis.

Te puede interesar