Opinión

ATENCIÓN PRESENCIAL

Non son poucas as veces que desde esta páxina levo falado da miña fidelidade a eses negocios nos que sempre hai alguén que che dá uns bos días ou che pregunta en que te pode axudar, algo que en moitas ocasións vai ligado a ese pequeno comercio de proximidade do que viven, aínda, moitísimas familias e que conforman esa enorme masa de autónomos e pequenos empresarios que se xogan cada mes o seu porvir en canto levantan a persiana deses locais que lle dan vida e cor ás nosas cidades ou vilas, sen esquecer que son eles, cando contratan a quen poden, os que manteñen ou foron mantendo este País. Estou falando lóxicamente de quenes respectan os horarios e as condicións laborais dos seus traballadores, que son a maioría, aínda que de todo haxa na “viña do Señor”.

Vén todo isto a conto ao non poder solucionar un pequeno problema de telefonía, chamando en repetidas ocasións e tendo que escoitar sempre a mesma melodía e voz machacona que che dí que pola pandemia poden tardar uns minutos en atenderte. ¿Minutos?, ¡¡Horas sen que te atendan!!, cousa que sigo sen entender ao tratarse de grandes empresas que xustamente con esta peste enchen aínda máis as súas xa rebosantes arcas; porque se algo consumimos cando temos que estar na casa é telefonía e televisión, e é cando máis persoal deberían ter contratado ainda que traballen desde a casa e non nos ateigados “call center”.

Pois créanme que non fun quen de falar con ninguén despois de intentalo en non sei cantas ocasións, ata que din cunha tenda física de dita empresa, onde fun atendido estupendamente por unha empregada que me resolveu o problema nun abrir e pechar de ollos a custo cero. ¡Benditas empregadas e empregados!

¿Por qué serei eu tan mal pensado ao crer que aproveitando esta lacra que nos consume non son poucas as grandes empresas que aproveitan para facer “limpeza”?, porque que eu saiba os bancos seguen gañando cartos a fartura, xogando cos nosos aforros e cobrándonos ata por darnos os bos días, ou por manter aquelo que os antigos e eficientes directores de sucursal chamaban “ a súa amable conta”. Pois non sei a que ven ter que facer cola na rúa poñéndote coma un “pito cairo” os días de chuvia porque das dez mesas que hai na sucursal soamente atenden nun par delas. 

Isto soamente é un exemplo do moito que nos toman o pelo facéndonos crer que todo isto é pola nosa seguridade. ¡Vaia morro! Se fora pola nosa seguridade hai anos que non permitirían como permiten que sexamos nós os que collamos unha mangueira de gasolina á que calquer trastornado lle pode prender un misto facendo saltar todo polos aires, e non dou ideas. E xa daquelas escribín aquí que sempre que podo encho o depósito do “futingo” onde hai operarios formados para iso, eu non quero nin debo facer un traballo que daría emprego a tantas persoas que o necesitan. E as poucas veces que vou ás grandes superficies a mercar, quero que me cobre a caixeira ou caixeiro de turno, non unha máquina que nin quero nin debo entender. 

E se tal, outro día xa lles conto o de algúns organismos oficiais, onde non che collen o teléfono de atención ao cidadán así desgastes o dedo marcando números; ou esas páxinas de internet a onde te remite a voz mecánica do contestador automático, feitas coa intención de que te poñas dos nervios e desistas do intento.

Te puede interesar