Opinión

Desde Aveiro a Castro Caldelas

De repente decido que xa estou farto de autopista e métome pola primeira estrada que atopo, e volvo descubrir que ás beiras do asfalto hai persoas, casas e animais, en definitiva, que hai vida.

Fíxeno así volvendo o outro día desde Aveiro, e ademais de comprobar como a viaxe sen presas era moito máis pracenteira puiden perderme de paso por Vilanova de Gaia, pero non na parte ateigada de turistas ás beiras do Douro, senón na outra parte, onde vive medio Porto e onde os habitantes fan a súa vida á marxe de paseos turísticos en goleta ou viaxes en teleférico.

Ben é certo que cada vez que viaxo a Portugal, é dicir, todas as semanas, teño a miña ración de incómoda caravana pola antiga nacional cara Viana do Castelo, chea de camións, raias contínuas e semáforos sen sentido, que o único que fan é provocar colas interminabeis. Algún "autarca" do País veciño debería reconsiderar a súa utilidade, ou máis ben a súa inutilidade, asunto este no que maís dun membro da GNR de tráfico co que teño falado coincide comigo. Pero salvando este inconvinte, o certo é que cada día gusto máis de sair das autopistas para adentrarme no País real, parando onde faga falta para tomar un "carioca", facer algunha foto, ou simplemente para ir a paso de tartaruga gozando da paisaxe, que no norte portugués é realmente fermosa, sexa na costa ou no interior, a onde acudo tamén cada vez que as inoportunas néboas, tan propias do noso Atlántico, nos queren amolar. Pero gracias a iso un pode revivir aqueles anos de nenez onde o verán era un río, achegándome ata lugares como Ponte da Barca para bañarme nas augas conxeladas do río Lima, que me recordan moito ao meu Allariz de fermosa Acearrica ás beiras do Arnoia. E se tés a sorte de poder hincarlle o dente a un suculento cabrito da zona e logo deixarte perder por algunha desas estradas comarcais mellor que mellor, porque os 35 graos que acabas de sentir ao sol pasan rápidamente a 25 en canto viaxas baixo frondosas carballeiras que tiveron a sorte de salvarse das mans asasinas dos incenciarios que, ao igual ou pior que en Galicia, queren destruir o máis marabilloso que temos.

Ben é certo que estas viaxes pracenteiras das que lles falo procuro apartalas dos meses máis turísticos e concorridos, e será dentro duns días, cando chegue ese setembro tan odiado por moitos, cando volva facer quilómetros visitando aldeas, pequenas capelas, fermosas fragas ou inmensas praias vacías; ou ese outubro ao que hai que sacarlle algún tempo libre para pecorrer esta nosa Eurorrexión nos días posteriores a vendima, onde ir desde Castro Caldelas ata Amarante convértese nun auténtico agasallo de deuses.

E en Castro Caldelas estarei hoxe ao mediodía para presentar a V Edición da Mostra do Viño da Ribeira Sacra Ourensá, coa alegría de facer homenaxe a un dos nosos produtos más prezados, e coa solidariedade cos adegueiros do outro lado do río nas terras de Sober, onde hai uns anos tamén tiven o privilexio de estar pregoando a súa riqueza, e que este ano viron como unha terrorífica treboada levaba por diante o froito de tanto traballo. Brindaremos tamén pola pronta recuperación dos bacelos nas ribeiras de Doade e Amandi.

Te puede interesar