Opinión

O baile deportivo nacional en Ourense

Queda menos dun mes para que Ourense acolla aos máis de tres mil asistentes de toda España que participarán nos Campionatos Nacionais de Baile Deportivo e no Congreso Internacional de Baile. Unha cita da que me sinto especialmente orgulloso, primeiro por celebrarse na miña terra e segundo pola relación tan estreita que teño con esta disciplina, agora xa olímpica, desde que na TVG puxeramos en marcha o recordado “Tequelexou”, por onde pasaron de nenos moitos dos grandes bailaríns e bailarinas, agora xa laureados profesionais, que se achegarán a Ourense con moitos podiums e moitos premios gañados ao longo de todos estes anos de andaina. Lembro como naqueles momentos, nos que o Baile de Salón en Galicia apenas tiña seguidores e as escolas de baile contábanse cos dedos dunha man, eu queixábame de que a miña provincia non tiña representación no programa; hoxe podo presumir felizmente de que en Ourense xa temos escolas e bailaríns de primeira categoría e que exercerán de marabillosos anfitrións nestes Campionatos de España, onde gozaremos desde o hip hop, os bailes latinos e os caribeños ata os estándar e a danza coreográfica, e onde se van vivir momentos ben intensos e de gran beleza como ocurrirá sen dúbida co Trofeo Nacional “Ourense Provincia Termal”, que en palabras do Presidente da Deputación, Manuel Baltar, cuxo organismo se implicou intensamente co evento desde o primeiro momento, potenciará a “Marca Ourense” desde o punto de vista turístico, deportivo e do termalismo.

Cando comecei a miña etapa como presentador do “Bamboleo” puxen moito interese en que o programa incluíse de novo unha sección dedicada ao Baile Deportivo, recollendo aquela testemuña deixada polo “Tequelexou” de hai anos, onde a boa semente botada deu un froito realmente estupendo. Hoxe temos en Ourense e Galicia auténticos campións de España, de Europa e mesmo mundiais, e penso que o noso programa está sendo o gran escaparate por onde teñen pasado todos estes profesionais que vamos vendo medrar ao longo dos anos, e onde compartimos con eles e elas moitos dos seus triunfos e recoñecementos. Por iso sentímonos enormemente felices de que Ourense se converta no gran plató e a gran pista de baile por onde pasarán milleiros de persoas, en lugares tan fermosos como os que se reflicten no fermosísimo video promocional que xa está colgado nas redes e que nos mostra a beleza incomparable da nosa provincia.

Como ás veces na televisión temos que ir con certo tempo de adianto nas gravacións, xa recibimos no “Bamboleo” a Juan Manuel Fernández, director do Club Moovet que nos puxo ao día de todo o que poderemos vivir en Ourense dentro dun mes; e asegúrolles que será moito e bó, e que estamos encantados con todo o despregue que se está preparando, tanto en Expourense como no “Paco Paz”, para que todos os que nos visiten leven para os seus lugares de orixe un estupendo arrecendo a Ourensanía. Felicitar ao governo provincial pola súa total implicación desde que se presentara a candidatura no pasado Campionato Nacional celebrado en Valencia; e dicir que aí estaremos para apoiar e gozar desa olímpica Semana do Baile Deportivo Ourense 2018.

Te puede interesar