Opinión

Bamboleando na radio

Tamara Pérez e Miguel Araújo.
photo_camera Tamara Pérez e Miguel Araújo.

Xa tiña eu ganas de botarlle un bocado aos micrófonos da Radio Galega, e así poder conectar de novo cos milleiros de amigos que, sexa intensivamente ou sexa a cachiños, están aí disfrutando co que dicimos e facemos. Para iso saímos nas ondas a esas horas da noite dos venres e sábados, e a través dos podcasts do programa “Bamboleo” que xa están listos para a súa escoita na web da CRTVG.

E nesa escoita un pode descubrir discos marabillosos como o que acaba de prensentar o gaiteiro Xulio Lorenzo titulado “Volver Soñar”, e que conseguíu na súa visita ao estudo facer voar coa súa música o noso maxín. Ou gozar, por seguir con música tradicional, coa visita de Joel Padín, o moi novo pandereteiro e bailador que ganara a primeira edición de “Pequenos Fenómenos” na TVG, e que agora xa cos seus case 14 anos está feito todo un artista, aprendendo e moito dos seus ídolos Xabier Díaz, Davide Salvado ou María Vidal. Deunos, o gran Joel, un mini concerto en directo realmente lindo, cos nervios propios de quen acode por primeira vez a un programa no que se lle dedica tanta atención como ao artista máis consagrado. 

E nesa líña de apoiar a quen empeza ou a quen precisa dun altofalante para os seus primeiros traballos está a filosofía deste programa, que comparto co gran Damián Cortés, actor de dobraxe e home radiofónico e televisivo onde os haxa, co que levo vivindo moitos bonitos anos de andadura por platós e estudos radiofónicos. 

Un programa así permíteche tamén o luxo de gozar cun recital en directo de Uxía e Sérgio Tannus, como foi o caso na estrea da tempada; quedar alucinados ante a fantástica voz chea de soul de Tamara Pérez, agora compañeira de plató e antes xa ben coñecida polo público ourensán polo seu estupendo traballo en “Telemiño”, neste caso acompañada polo seu inseparable guitarrista Miguel Araujo;  ou encher o estudo coa música e o humor que traen sempre “Os Fillos do Estramonio”, grupo de Rock&Risas composto maiormente por compañeiros que forman ou formaron parte da gran familia do “Bamboleo” televisivo, como é o caso do sempre sorprendente Pepe Capelán, o rexedor Venancio, o pianista Javier Varela ou o saxofonista Damián, acompañados polos non menos sorprendentes Abraham Sande e Juan Diéguez.

E xa nesta fin de semana cun cartel de luxo no programa radiofónico, cos vigueses irmáns Diumaró, que gañaran “Recantos” de “Luar” e que  seguen carreira musical en Madrid, a sempre marabillosa Soraya Arnelas, a queridísima actriz e presentadora Diana Nogueira e o gran showman Rafa Durán, a quen coñecín e entrevistei  hai xa anos no “Protagonistas Galicia” de Punto Radio e que segue triunfando cos seus espectáculos en directo e presentacións televisivas, das que recordamos aquel “Polo Chan” gravado en Ourense por “La Región Televisión” para Televisión de Galicia, o mesmo que “Comando Chef”, ou “O Clan dos Impostores” feito en Vigo e os múltiples traballos en diferentes canles a nivel nacional. 

Tamén nos acompañarán os “recanteiros de ouro” Irmáns Fanego e Lorena Guerra, e os artistas Martín Máez e Yhadira que completan o elenco.

Un gran reto o de volver estar á altura de todos vós, amables ointes, que lle dades sentido a todo o que facemos e compartimos diante dun micrófono.

Te puede interesar