Opinión

A Banda unión musical de allariz

Tiña pendente unha entrevista nada máis comenzar a nova tempada radiofónica con José Manuel Vega, director da Banda Unión Musical de Allariz, despois de ter gañado este verán a Medalla de Ouro e o cuarto posto mundial no World Music Contest de Kerkrade nos Países Baixos. Teño que dicir que recibín puntual información do querido director e alma máter da Banda nada máis confirmarse o prezado galardón nesta “Olimpiada da Música”, por aquelo de que me seguen considerando o “padriño” honorífico por ter exercido de Mestre de cerimonias na súa presentación na Casa de Cultura a finais de 2013. E créanme que diso é do pouco ao que non vou renunciar entre os piropos que teño recibido, con maior ou menor mérito ao longo da miña carreira entre os nosos artistas, de darlles boa sorte. Éncheme de orgullo e satisfacción que diría o outro.

Pero o orgullo neste caso é como alaricano amante da música desde que teño uso de razón, e orgullo de ver como algo que nacía dunha maneira ben modesta, nun escenario onde apenas cabían aqueles primeiros entusiastas que se unían ao proxecto, chegou a converterse poucos anos despois, con pandemia de por medio, nunha Banda xa referente en moitos lugares de dentro e fora do noso País, con actuacións pola Península e por Europa adiante. Tanto traballo e tanta formación nas súas escolas tiña que dar necesariamente os éxitos e a categoría que está acadando a nosa Banda, que ano tras ano ten máis dificultades para darlle cabida a tantas solicitudes de ingreso que chegan desde todos os puntos de Galicia. Pero estas cousas non suceden da noite para a mañá, isto esixe un plan de traballo duro e metódico, poñendo toda a carne na grella como pon en cada curso o seu director e, por suposto os seus alumnos e músicos, cunha disciplina e un bo facer que sorprenden en cada actuación, mesmo buscándose a vida cando as condicións sanitarias impedían ensaiar baixo teito e o facían, como o cheguei a comprobar, nos exteriores dun centro escolar da Vila. Vai haber que ir pensando na construción dun auditorio multiusos.

Sempre lle gusta nomear a Vega a axuda inestimable da xunta directiva, que tamén traballa denodadamente para poñer orde e concerto, e nunca mellor dito, a esa criatura que comezaba a andar con 19 alumnos e que hoxe pasa a ter preto de 200, distribuídos entre Escolas e diferentes bandas ata chegar á banda principal, converténdose nunha das máis numerosas de Galicia, e da que non se deixa de falar, moi ben por suposto, incluso co apelativo do “fenómeno musical de Allariz”, un pobo que ata ese momento de 2013 non tiña precedentes, e Vega convencía ao alcalde Paco de que aquelo era posible.

Non é a nosa unha banda de pasarrúas pola mañá, e actuacións ao mediodía, pola tarde e na verbena; o concepto é distinto, facendo algunha excepción polas Festas Patronais da Vila; é unha banda de concertos, á que hai que escoitar cómodos e relaxados para ver como desde un neno ben pequeno e un home xa entrado en anos son quen de poñer en pé a un auditorio que premia todo o seu repertorio, como así o fixo o público congregado en Holanda para premiar as súas pezas a concurso e reafirmar a Medalla de Ouro que puxo sobre o mapa o nome de Allariz polas terras dos Países Baixos durante este verán.

Non sabedes o feliz que me sinto de ter aparecido naquela primeira foto de presentación da Banda Unión Musical na Casa de Cultura de Allariz. Moitísimas Felicidades.

Te puede interesar