Opinión

Billy Elliot

Xa sabía eu que ía emocionarme como xa fixera cando vin a estrea da película, tamén en Madrid, mesmo tendo que agochar algunha bágoa traicioneira baixo as gafas de sol á saída do cine da Praza de Callao. Desta vez non houbo bágoa pero sí que houbo moita emoción contida nas dúas horas e media que dura a función de “Billy Elliot” no Nuevo Teatro Alcalá, onde non hai moito tempo vimos triunfar, e de que maneira, ao noso querido valdeorrés Christian Escuredo encarnando a “Felicia” no musical “Priscilla Reina del Desierto”.

Confeso que son un adicto aos musicais e aproveito cada viaxe a Madrid ou Londres para darme unha homenaxe á súa conta, como foi o caso con este espectáculo avalado polo éxito de once anos na capital británica e de catro en Broadway. Éxito máis que merecido polo excelente traballo actoral, pola expléndida e ben resolta escenografía que, para disgusto de moitos, lle impedirá ir de xira por “provincias” dadas as características da súa complicada posta en escea, e éxito pola súa música, creada por Elton John, quen fixo outra obra mestra acompañado do recoñecido letrista Lee Hall. Non esquezamos que o gran Elton xa acadara un Oscar pola banda sonora de “O Rei León” en colaboración co letrista Tim Rice, autor tamén das letras para “Jesucristo Superstar” ou “Evita” coa súa premiada “No llores por mi Argentina”, sen esquecer o album de Freddie Mércury “Barcelona” no que tamén colaborou.

Como ben sabedes, no elenco de actores e actrices de “Billy Elliot” os nenos non poden actuar máis que algúns dias ao mes, co cal hai varios “Billys”, todos eles cunha gran preparación; na miña función o papel foi encarnado polo xoven Diego Rey que estivo absolutamente expléndido, acompañado do neno Beltrán Remiro que estivo realmente fantástico no papel de Michael, o divertido amigo da alma do xoven Elliot; sen esquecerme dos actores e actrices adultos consagrados e ben recoñecidos polo público de teatro, cine e televisión, como Natalia Millán, estupenda no seu papel de Señorita Wikilson, Carlos Hipólito facendo de pai ou Juan Carlos Martín no papel de George, por citar a algúns deles.

Pero houbo outra cousa que me gustou e mesmo emocionou, se cabe aínda máis, neste expléndido musical, e foi o público, composto nunha gran maioría por xóvenes, mesmo adolescentes, que levados en grupos polos seus profesores desde moitos puntos de España aplaudiron a rabiar e deixáronse empapar por esta estupenda obra que é un canto á tolerancia, á solidariedade, ao compromiso e á amizade. Xa me comentara unha amiga viguesa que a súa filla de trece anos fora co seu colexo de excursión a Madrid e que os profes, sabios eles e elas, decidiron que a parte de ver o Museo do Prado, a Cibeles, o Santiago Bernabeu ou o Palacio Real, os rapaces tiñan que ver este musical, e canto me alegro delo, porque podo asegurarlles que é unha excelente lección de pedagoxía e convivencia, na que se fomentan uns valores absolutamente necesarios nas aulas e nas casas dos máis xóvenes, e seguramente contribuirán a diminuir os casos de “bullying” e todas esas actitudes machistas e homófobas que aínda seguen campando desgraciadamente por motios patios de recreo e por moitas redes sociais. 

Te puede interesar