Opinión

Bravas gorxas de fondo cantar

Quero dicirlle a María Xosé Fernández Casas que sigo emocionado co que escribíu en “Cartas ao Director” de “La Región” antonte xoves. María Xosé é unha alumna de 1º da ESO do IES “Cidade de Antioquía” de Xinzo de Limia, e titulou o seu escrito cunha frase tan linda como “Profe: Non perdiches o tempo”.

E eu, que tamén fun profe antes de mergullarme de cheo neste mundo da televisión, onde pretendo seguir sendo fiel aos principios pedagóxicos que mamei naqueles inicios da democracia no noso país, de educación para a liberdade, a inclusión, o feminismo e a tolerancia, non podo máis que sentir admiración por unha rapaza, e por moitos outros rapaces e rapazas, que foron quen de realizar unha “análise de texto” da canción que vai representar a TVE no próximo Festival de Eurovisión; elección da que xa non penso escribir moito máis, desde o punto e hora na que a propia Rigoberta Bandini e as nosas Tanxugueiras deron a súa bendición e apoio; imaxino que por unha resposta clara e decidida contra todos eses energúmenos que se dedicaron a facer un tremendo acoso e derribo, con ameazas de morte incluídas, a unha artista, Chanel, que sexa ou non do noso gusto, ten todo o respeto do mundo aínda que moitos non comulguemos coa aposta que vai levar a Turín; non por ela e o seu show, impecables, senón pola súa letra e porque a todos nos cheirou bastante mal esa votación do xurado que condicionou totalmente a elección, deixando sen efecto o voto popular e con cara de parvos a todos os que gastamos uns euriños en apoiar outras propostas.

Eu no tema da letra, querida María José, tampouco vou ser máis papista que o Papa, porque teño que confesar que ao non saber inglés non teño nin idea do que cantan os representantes dos outros países eurovisivos, quedándome unicamente coa música e a posta en escea; o que ocorre é que neste caso, como todo foi como foi, examinamos con lupa todo o que ocorreu no “Benidorm Fest” e claro, descubrimos unha composición que renxe como renxen moitas das cancións visionadas e aplaudidas por millóns de xóvenes de todo o mundo; asunto ben preocupante para os que pretendemos conseguir unha sociedade onde homes e mulleres vivamos en igualdade a todos os niveis, sen que ninguén teña que recurrir a “daddies” para resolver problemas “monetarys”.

Perdeuse unha oportunidade de ouro de levar a Eurovisión unha canción de empoderamento, de orgullo e de reivindicación sexual, idiomática e cultural, conxuntada cunha melodía fantástica e unha posta en escea das que quitan o hipo, co fantástico vestiario interxénero creado polo noso deseñador de Viana, Jorge de Álvarez. Pero alguén se empeñou, por razóns que intúo pero que non podo afirmar por falta de probas, en que as cousas non foran así. E tanto Rigoberta como Tanxugueiras quedaron ás portas dese gran evento, conseguindo, iso si, ser respetadas e queridas por millóns de espectadores, que no noso caso serviulles para enterarse de que o galego soa marabilloso e que neste noroeste peninsular estanse a facer cousas fantásticas no mundo da cultura, da música, da arte e da beleza.

Non pos o nome da profe á que te refires na túa carta querida María José, pero esa profe representa a milleiros de profes que cada día nas súas aulas deixan a pel por transmitirvos unha educación integral para conseguir facer de vós cidadáns modélicas e modélicos, dos que as vosas avoas, “bravas gorxas de fondo cantar”, poidan sentirse tremendamente orgullosas.

Te puede interesar