Opinión

Cantos de reis

Hai uns días entrei na igrexa de Santiago de Allariz para ver o seu Belén, e alí estaban moitas das figuras que recordo da nenez, cando o montabamos ao grande na igrexa de San Benito. Tempos nos que non tiñamos tanta conciencia ecolóxica e pasabamos horas sacando o musgo case conxelado de entre as pedras dos camiños para, xunto cos terróns que arrincabamos de calquer lameiro, conformar toda a paisaxe do Nacemento. Previamente os carpinteiros da Vila xa tiñan montada a estrutura de madeira sobre a que cobrarían vida castelos, montañas, penedos, pesebres e figuras, que a día de hoxe seguro que teñen un gran valor, como a dos impresionantes Reis Magos, que para a miña alegría aínda se conservan en moi bo estado. 

E non nos queixabamos do frío, que era moito, con grandes xeadas no exterior e sen calefacción algunha dentro da igresa; tiñamos as mans e os pés como o carambelo que colgaba da fonte da Barreira; non como esta Noiteboa que case tivemos a temperatura de Canarias, despois dos meses de “monzóns” nos que semellou que volvera o diluvio universal. E falando de auga, nalgunha ocasión ata conseguimos que o río do noso Belén fora de verdade con auga corrente, aínda que para nós se tratara dunha obra de inxeniería.

Pero o certo é que, seguramente sen tanta axuda, o Belén parroquial deste ano quedou tamén moi ben feitiño polas mans dos que ao longo dos anos foron tomando o relevo nestes menesteres, axudando ao querido cura Rodicio que tanto colaboraba tamén naquel da nosa nenez. E alégrome que sigamos mantendo a tradición de facer o Nacemento no medio de tanto lucerío que pode facer esquecer o que realmente se celebra nestas datas, coa tradición dos Reis Magos tan arraigada entre nós, pelexando duramente co intruso gordinflón de cor bermella que desde hai unhas décadas quixo ocupar o seu lugar. ¡Nin falar! Eu xa contei moitas veces que unha das máis grandes alegrías da miña vida foi exercer de Rei Gaspar na Cabalgata de Ourense; todos os que tivemos e teñen a sorte de enfundarse as capas, as barbas e as perrucas dos Magos de Oriente saben do que lles falo, a inmensa emoción que se ve nas cariñas e nos ollos dos máis cativos é algo difícil de olvidar; por iso eu sempre pido por estas datas que na medida das nosas posibilidades colaboremos coas asociacións que axudan aos Reis para que ningún neno quede a noite de mañá domingo sen algún xoguete, e digo ben, xoguetes, porque o do pixama e os calcetíns está moi ben, pero un xoguete por Reis é o máis grande que un cativo pode recibir. Encantoume cando o ano pasado a alcaldesa de Madrid finalizou o seu discurso dicindo que se por un casual os Reis Magos non daban chegado a algunha casa por falta de tempo ou por obras na rúa ou polo que fose, que os nenos chamasen a un teléfono do Concello onde con toda seguridade estarían os agasallos que as súas Maxestades non puideron repartir. Xúrolles que esas palabras de Carmena emocionáronme profundamente, como me seguen emocionando eses lugares onde aínda conservan a tradición de ir cantar os Reis polas casas para recibir o aguinaldo, como no seu día viñeron pola miña os nenos de “Villeriño”, hoxe Vilariño, cunha pandeireta e unha guitarriña de xoguete e coa desafinación máis marabillosa que un puidera escoitar.

Te puede interesar