Opinión

Cantos na Maré

Cantos na maré
photo_camera "Enredadas", catro poderosas mulleres, catro voces.

Despois dunha estupenda xornada de domingo en Allariz, saudando aos amigos de sempre e tapeando a miña ración de exquisitos callos do Bar Novo da Barreira, seguido da comida familiar, decido rematar o día no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde asisto ao concerto de peche dos Cantos na Maré, co luxo de ter en escea á alma máter destes quince anos de cita coa lusofonía e coa fusión e mestizaxe dos cantos doutros mares, a miña querida Uxía Senlle, que nesta ocasión quixo acompañarse das súas "Enredadas", a marabillosa maña Carmen París, que o mesmo converte unha xota nun tango jazzístico con aire de fado, que saca do piano as súas mellores notas para acompañar a súa poderosa e polivalente voz; a fantástica artista galega, felizmente recuperada para a escea, Ugía Pedreira, e a sempre incomparable Martirio, esa estupenda muller á que eu sigo desde os tempos nos que o grupo Jarcha, no que ela militaba, nos cantaba nos inicios da transición aquela tan coreada "Libertad sin ira", e que logo faría un dos cantos feministas máis divertidos da época, a "Sevillanas de los bloques", onde nos puña diante dos morros en clave de humor o traballo sempre duro e sen remunerar da sufrida ama de casa.

Catro mulleres poderosas que uniran as súas voces e a súa inmensa arte xa o ano pasado co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A copla, a xota, os alalás e o fado fusionados para facer durante máis de dúas hora un recital cheo de emocións e beleza. Teño que dicir que era a primeira vez despois dun ano que eu asistía a un concerto en recinto pechado, por aquelo das precaucións médicas en lugares con moito público, e non puiden elexir mellor retorno, coa alegría da anfitriona Uxía que se empeñou en convidarme para celebrar o feliz reencontro.

Levei unha inmensa alegría ao ver de novo sobre o escenario á querida Ugia Pedreira, a quen coñezo e quero desde os seus tempos no Grupo Chouteira, con voz poderosa e impactante presenza en escea, curando, como ela dí, algunhas feridas da vida. 

Impactante foi tamén a presenza da completísima artista brasileña Bia Ferreira, todo un exemplo de loita a través da música contra o machismo, o racismo ou a homofobia, recordándonos que Brasil é o estado onde o colectivo LGTB sofre máis asasinatos, e recordando que no seu País os negros e os indíxenas están sofrindo unha política de auténtico exterminio. Malos tempos para os países que se deixan enganar por botarates e dictadorzuelos disfrazados de demócratas pola forza dos votos. Nunca esquezamos que Adolf Hitler chegou ao poder mediante eleccións.

Pois a música e a cultura son armas moi importantes para facerlle fronte a estas loucuras que permiten que arda a Amazonía, que se organicen guerras por intereses económicos ou que se condene a morte a Continentes enteiros para que o chamado primeiro mundo siga vivindo de xeito privilexiado. 

Os Cantos na Maré, ademáis de unir pobos e xentes con idiomas comúns, como o galego e o portugués, serve para abrir conciencias e lembrarnos as inxustizas e os crimes que moitas veces eses dirixentes sen escrúpulos tratan de ocultar.

A todo elo lle puxeron música o galego Marcos Teira e o virtuoso brasileño Sérgio Tannus, e puidemos gozar tamén das excelentes músicas e voces da mozambiqueña Assa Matusse e da brasileña Livia Mattos. Todo de auténtico luxo.

Te puede interesar