Opinión

Carmen Sevilla

Son xa varios os anos que pasaron desde que tivemos información fidedigna sobre o estado de Carmen Sevilla, “La novia de España”, e así debe ser se o seu entorno máis próximo e familiar así o desexa, para que entre outras cousas sigamos mantendo a imaxe daquela muller fermosísima e cun sorriso que namoraba desde o primeiro momento.

Hoxe cumpre 91 anos a nosa querida presentadora, actriz, bailarina e cantante, e pouco ou nada sabemos dela desde que lle diagnosticaran “Alzheimer” e tivo que ser ingresada nunha selecta residencia de Aravaca cando xa non recoñecía nin ao seu propio fillo, Augusto José Algueró; pero o cariño por esta gran muller sigue sendo moi grande por parte de moitas xeracións que a admiraron e a quixeron. Seguramente os máis novos por lembrala naquel divertido “Telecupón” da recén nacida “Tele5”, onde Valerio Lazarov lle deu mando en praza substituindo a Belén Rueda, divertíndonos a todos coas súas meteduras de pata, que eu presumo guionizadas sobre todo nas súas últimas tempadas. Esa espontaneidade e eses despites, que ela asumía con total naturalidade, calaron nos espectadores de tal xeito que fixeron do programa un dos máis seguidos, conseguindo ser parodiada cariñosamente polos “Morancos” ou por “Martes y Trece” a golpe de “ovejitas” e de “cuponsito”. Nin foi este o primeiro nin o último programa no que participou Carmen Sevilla; ela levaba facendo televisión desde 1956, cando chegaban os primeiros aparatos ao noso País, e estivo en diferentes cadenas nacionais e autonómicas ata 2010, presentando, cantando, entrevistando ou retransmitindo as Campanadas de Fin de Ano, sendo a única artista española que as presentou en tres canles distintas.

Son moitos os momentos nos que esta muller conquistou o corazón dos telespectadores e radiooíntes, desde a súa “Carmen de España” ata os éxitos que lle compuxera o seu primeiro marido, e nai do seu fillo, Augusto Algueró, que tanta gloria acadou compoñendo para Serrat, Marisol, Nino Bravo, Rocío Dúrcal ou “La chica ye ye” para Conchita Velasco, entre moitos outros. Carmen puido conquistar Hollywood se quixera, despois de compartir cartel con Jorge Negrete ou Luis Mariano en “Violetas Imperiales”, e de participar en produccións americanas e europeas dándolle réplica a actores da talla de Charlton Heston ou Vittorio de Sica entre outros, rexeitando un contrato cun gran estudio americano e preferindo centrar a súa carreira en España; sendo protagonista de moitísimas películas como “La Venganza” de Juan Antonio Bardem, primeira candidata española ao Oscar á mellor Película de fala non inglesa.

Participou en musicais ao lado de Lola Flores, Lolita e Carmen Flores, xirando por todo Latinoamérica, e posteriormente con Juanita Reina e Paquita Rico, para nos oitenta facer un máis con María Jiménez e Concha Márquez Piquer. Cantando, sempre cantando, porque salvo na súa participación no programa “Mira quien baila” de TVE, fíxolle caso á súa mentora Estrellita Castro que no seu día lle aconsellou: “Niña tú dedícate al cante y no al baile, pues el cante deja más dinero”.

Somos moitos os que a lembramos coa súa simpatía e a súa contaxiosa risa en “Cine de Barrio”, repasando a vida de moitas actrices e actores que como ela viviron aqueles momentos incipientes do cine e da televisión en España, e queremos desexarlle un Feliz Cumpleanos á nosa querida Carmen Sevilla.

Te puede interesar