Opinión

Carriega siempre alaricano

Aínda que non puiden asistir ao funeral sí que estiven de corazón na despedida que o pobo de Allariz lle brindou a Luis Cid “Carriega”. Eu fíxenlle a miña homenaxe particular a través das ondas da Radio Galega e acompañado por Carlos Jiménez, que de fútbol sabe un cacho e por iso, antes de formar parte agora dos equipos radiofónicos de “Galicia por Diante” e “Sesión Vermú” estivo varias tempadas no “Galicia en Goles” animando a toda a audiencia coa súa simpatía e o seu bó facer. Jiménez fixo un eloxio de todas esas tempadas nas que Carriega foi un referente no fútbol nacional. Eu, que non podo presumir de ser un futboleiro empedernido, que non o son, sí que recordo con moito agarimo e orgullo cando Carriega nos traía a Allariz ao Sporting de Xixón de Quini e Churruca e ao Real Zaragoza. Aos nenos da época quedáronnos gravados aqueles paseos dos famosos futbolistas polas beiras do Arnoia, facéndonos sentir importantes, a nós e ao noso pobo.

Carriega sempre presumíu de pobo, estivera onde estivera; cando lle preguntaban de onde era falaba sempre de Allariz, como se calquer afeccionado Sevillista, Bético, do Molinón ou da Romareda tiveran a obriga de saber onde estaba situada a Vila e Corte Románica dos seus amores. Presumía de alaricano e de ourensán, e iso agradecímosllo moito os seus veciños e así o acollimos con mimo e orgullo cando se veu vivir definitivamente á Vila dos seus amores, momento no que viamos como na construcción da súa nova casa mandaba esculpir dous balóns de regulamento para que quedara claro quen moraba tras aquela porta de entrada, un amante do fútbol con maiúsculas e un señor nos campos e estadios de España.

Fun moi amigo na infancia do seu fillo José Luis, antes de que o oficio de seu pai o levase a vivir a diferentes puntos da xeografía patria; creo que aínda recordo perfectamente cando me comunicaba que marchaban de Allariz, son desas imaxes que lle quedan gravadas a un neno da época, díxomo moi cerquiña de onde construirían logo o seu fogar, mesmo lembro o lugar e a situación, estabamos xogando a dar voltas no lavadoiro da fonte de San Isidro, ao lado da preciosa Alameda do Arnado alaricana. Pero lembro sobre todo cando xa instalados de novo na súa vila natal o amigo Carriega presumía de que outro alaricano, neste caso a miña humilde persoa, fixera patria cada vez que podía nos medios de comunicación. Sempre se paraba coa súa querida Luisa a saudarme e dicirme de corazón que me seguían en todo o que facía, e que estaban orgullosos de verme na televisión, e esas cousas tan bonitas non se poden olvidar, como non olvido o cariño que lle profesaba á recordada Ana Kiro, de quen se confesaba amigo e seguidor; sempre me preguntaban por Ana, sobre todo nos momentos nos que a enfermidade lle pasaba a pior factura. 

Gústanme as persoas que aman a súa terra e que se enorgullecen dos seus veciños, e gústanme sobre todo cando cho fan saber; por iso eu aquí e agora quero facerlle saber ao amigo Luis Cid Carriega, que xa repousa para sempre con moitos outros seres queridos ás beiras do Arnoia, que foi un orgullo telo como veciño e amigo e aos seus familiares dicirlle que xa que el nunca esqueceu ao seu Allariz, a súa vila tampouco o esquecerá nunca.

Te puede interesar