Opinión

Con José Lamas na Laboral

Non dubidaba eu que La Región íalle facer a linda e sentida homenaxe xornalística deportiva que merecía o meu querido amigo José Luis Llamas, que nos deixou físicamente hai unha semana pero que nos seguirá observando sempre desde a súa queridísima Universidade Laboral. E nesta bendita UNI quero quedar hoxe con quen foi furante moito tempo meu compañeiro de fatigas, non polo moito deporte que fixeramos xuntos, senón por tantas outras cousas compartidas anos despois do noso primeiro encontro, cando eu era un neno e él era un moi novo profesor de ximnasia nos Maristas, a onde chegaba cada día pilotando aquel Renault "R-8 Sport" que a min tíñame fascinado. Non tiven daquelas a sorte de que me obrigara a participar nas divertidas actividades que lles programaba aos seus alumnos; á miña clase tocoulle o outro, un señor de moi malas pulgas que confundíu a profesión e convertía o ximnasio nun campo de instrucción militar. 

Pero se non tiven a Jose Llamas de profesor, sí que fun afortunado ao telo de compañeiro e amigo desde que nos atopamos naquel impresionante edificio que se estreaba no Barrio da Cuña no ano 75 e que acolleu a tantos e tantos rapaces chegados desde toda a xeografía española. Ese edificio, tan de duro cemento nunha primeira visión e tan acolledor nas súas galerías do interior, namorounos aos dous desde o primeiro momento e, como se estableceramos un pacto, decidimos dedicarlle corpo e alma, como soamente se fai cando algo apaixona de verdade, e abofé que a nós apoixonábanos a Universidade Laboral; a un desde a zona polideportiva e ao outro desde a zona de residencias, pero coincidindo sempre para vernos á hora de organizar todo canto acto houbese que poñer en marcha, fose institucional ou fose de auténtico folión; porque folión era o que montaba Llamas co seu colega Adolfo Salgado á hora de subirse ao escenario da Laboral ataviados únicamente cun coqueto "picardías" para "esmendrelle" do patio de butacas. Con este Llamas, entregado, divertido e sorpresivo, foi con quen tanta vida compartín; con él e coa súa marabillosa familia. Miña querida Cachito, a súa dona, os meus nenos David e Samuel, aos que fun vendo medrar, e mesmo os cans "Tronco" que me recibían sempre a golpe de ladrido de benvida como se foran engulirme dun bocado; todos eles fixeron que a súa casa fose sempre a miña, ese fogar ao que se pode ir sen avisar e no que sempre atopas aos amigos de verdade, nos bós e nos malos momentos, amigos cos que ás veces non dás estado á altura e quedas en débeda permanente.

E dese salón da casa familiar da Avenida da Habana, onde apenas había tempo para o silenzo, saíron moitas ideas para montar os saraos na nosa UNI, que sempre levaban un pequeno compoñente institucional e un gran compoñente lúdico e festivo, fora por Santo Tomás, polas Letras Galegas ou para organizar o xa lonxano 10ºAniversario que tantos traballiños e tantas alegrías nos deu; e se non que o conte a querida Asunción, telefonista e tamén alma máter deses muros, que dentro duns días acollerán unha nova "quedada" de antigos alumnos. ¡Canto gozaría o amigo Llamas abrazando de novo a todos e todas!, pero sei que escoitará emocionado no medio do xantar, e na súa honra, a enorme batucada a golpe de garfos e culleres contra as mesas de todos os seus, co impresionante berro de loita que sempre nos identificou: "UNI, UNI, UNI".

Te puede interesar