Opinión

Con Lucía Rodríguez

Esta noite despois do Bamboleo na TVG teño como todos os venres e sábados de unha a tres da madrugada o Bamboleo radiofónico, no que contarei coa visita da sempre moi querida presentadora Lucía Rodríguez, quen por certo fará pola tarde o programa “Aquí Galicia” con todo o seu equipo desde “Xantar” en Ourense. E como boa ourensá estará feliz de poñerse diante das cámaras na súa terra antes de paliquear comigo sobre o divino e o humano; e a bó seguro que entre parrafada e canción daremos conta dunha das riquísimas bicas que fabrica a súa familia en Castro Caldelas, que non lle perdoan a Lucía que veña a verme e non ma traia.

Teño que dicir que non son moitas as veces que temos ocasión de vernos en persoa por aquelo de que vivimos en cidades diferentes, ela agora reside na capital ourensá, e os lugares de gravación tamén son distintos; xa que eu centralizo todo en Santiago e ela percorre máis quilómetros que “as zapatillas de Ana Kiro”, como se dicía en vida da sempre recordada cantante nosa. 

Lucía fixo o pasado verán un “tour” que nin nos mellores tempos de Eddy Merckx, co seu pianista e o seu compañeiro Fran Cañotas que cada día sorprendían á audiencia desde calquera punto de Galicia, caeran os paxariños coa calor ou caeran chuzos de punta. Alí estaba o equipo de “Adiviña quen vén esta tarde” para facer esa televisión de proximidade que tanto gusta aos galegos. E, por suposto, cada sábado co seu “Aquí Galicia” que botou a andar xusto despois daquel primeiro “Aquí Portugal” que tiven a honra de presentar coa RTP desde a Praza Maior de Ourense. 

A nosa terra sempre dá sorte, porque este programa das tardes dos sábados colleita unhas audiencias estupendas, froito dun equipo entusiasta que nas súas caras visibles formou parte daquel marabilloso “Acompáñenos” no que Juan Fuentes e Bernardo Montaña eran xa dous mosqueteiros marabillosos que aprenderon o oficio moi rápidamente para embarcarse en novos proxectos que lles reportaron grandes satisfaccións.

A televisión feita a pé de rúa é a mellor escola que un pode ter para poder lidiar con todo o que se poña por diante, e se é en directo xa se converte nun auténtico máster. Eu lembro o fácil que me resultaba presentar un complicado “Supermartes” e o que costaba ás veces sacar adiante un supostamente sinxelo “Téquele Téquele”, no que tamén percorremos dabondo o noso País. 

Con Lucía Rodríguez sempre recordo con especial cariño o seu primeiro “Aquí Galicia” desde Ponteareas no que caeu auga de “Deus toca a xuizo”, e onde eu estaba convidado e fomos resolvendo como puidemos o tempo de retransmisión en directo. Foi, e nunca mellor dito, o bautizo ao grande, e desde aquelas ata hoxe aí seguen facendo maís amenas as tardes televisivas dos sábados.

Lucía xa viña de presentar estupendamente no plató por onde ando eu hoxe o programa “Desexos Cumpridos”, recén chegada de Madrid onde se bregou como xornalista e reporteira en varias canles televisivas públicas e privadas, polo tanto xa viña con oficio; pero o certo é que estes anos de televisión en directo desde pobos e cidades de Galicia deulle unha frescura, un carisma e unha simpatía que enganchan ao espectador; e eu alégrome porque lle teño un cariño especial e sei do seu traballo e do seu tesón. E esta noite será a miña convidada na Radio Galega, e eu convídovos a que compartades a nosa conversa. 

Te puede interesar