Opinión

Con Ruth Lorenzo

sdss
photo_camera sdss

Sempre é un inmenso pracer recibir no plató a Ruth Lorenzo, e sempre é un auténtico luxo asistir previamente aos seus ensaios. Xa teño contado aquí que algúns artistas son tan perfeccionistas e tan xenerosos que cando veñen a “Bamboleo” dan un auténtico recital gratuito para o equipo do programa á hora de probar o son; foi o caso de Dulce Pontes, Kepa Junkera, Albert Hammond ou desta eurovisiva marabillosa que nos visita hoxe.

Falar de Ruth é falar dunha das grandes voces, ou a máis grande voz, que hai agora mesmo no panorama musical español; o seu directo é deses que che poñen os pelos de punta, cando observas como tén que colocar o micrófono á altura da cintura para non saturalo co seu imponente chorro de voz cando sube ata notas imposibles; cousa que me recorda, e de que maneira, á gran Rocío Jurado, a quen tiven o privilexio de presentar en Ourense e con quen tamén tivera o pracer de falar na radio como onte a noite fixen con Ruth Lorenzo.

A artista murciana volve estar de candente actualidade pola estrea do seu novo single “Miedo”, que é un anticipio de “Crisálida”, o novo disco que verá a luz nos primeiros meses de 2021. “Miedo” é a primeira mostra da sonoridade orgánica, auaténtica e internacional que Ruth lle quere imprimir a todo o seu disco, no que ademáis de intérprete é compositora, arranxista e productora. Con esta “Crisálida” quere levarnos a un espazo sen ruido exterior onde recoñezas a túa identidade. E este primeiro single non é outra cousa que “unha carta dirixida ao seu medo en forma de canción íntima e delicada, un canto á verdade que nos pertence, ao raio de esperanza que segue vivo dentro de nós e que nos permite renacer”.

Un renacer que Ruth Lorenzo tivo que afrontar varias veces na súa vida persoal, en moitas ocasións ben complicada. Causou moito impacto a entrevista que Samanta Villar lle fixo na televisión, pero teño que dicir que moitas das impactantes cousas que contou nese programa xa nolas tiña devandito a nós nun “Bamboleo” emitido hai algo máis de dous anos, cando se espíu totalmente na entrevista que compartíu comigo falándonos da súa anorexia e bulimia, da súa vida en Londres, onde non todo era o que se vía na televisión, senón todo o contrario, cando sendo ben famosa pola exitosa participación en “Factor X” tiña moitas veces que roubar para comer. Son esas cousas que a maioría das veces non sabemos das caras televisivas, que dan a impresión de vivir entre iates e chalets na Moraleja, cando o certo é que teñen que pasar o confinamento nun piso de cincoenta metros como moitos dos seus seguidores. 

Que importante é que os famosos se ispan de cando en vez para que moitos dos seus fans se sintan identificados, que necesario é que ademais de falar dos seus éxitos, falen tamén dos seus fracasos e da súa vida real; iso engrandéceos como persoas e profesionais, facendo un traballo divulgativo e pedagóxico impresionante ando sacan á luz maltratos, acoso escolar ou episodios de homofobia ou xenofobia vividos en primeira persoa. Sempre é de agradecer que os que chegan a un público máis numeroso se comprometan con causas solidarias e humanitarias; non hai mellor anuncio publicitario que unha declaración neste sentido dun personaxe famoso, sexa futbolista, escritor ou cantante, como é o caso da nosa Ruth Lorenzo, quen hoxe volverá deixarnos impactados no “Bamboleo”.

Te puede interesar