Opinión

Con Sole Giménez

Compartir plató con artistas da talla de Sole Giménez é un auténtico luxo, por toda a súa traxectoria profesional, tanto na súa época en “Presuntos Implicados” como nos anos que leva de andaina en solitario. Recordemos que con Presuntos exerceu de cantante, compositora, letrista e responsable da imaxe gráfica do grupo, sendo como é Licenciada en Belas Artes, e recordando que entre os innumerables premios recollidos contan con varios “Ondas da Música” e un “Gramy Latino”. Do maxín de Sole saíron temas tan emblemáticos como “Alma de Blues” ou “Cómo hemos cambiado”.

O novo disco.

Esta francesa de nacemento e valenciana de adopción, onde formou parte do Consell Valencià de Cultura, despois de homenaxear á música do seu País de berce recreando temas tan marabillosos como “La Vie en Rose” e aos autores latioamericanos co disco “Dos Gardenias”, e percorrendo auditorios desde Sidnei ata Casablanca ou Cidade de México, chega agora con este novo disco titulado “Mujeres de Música”, acompañada pola Orquestra Sinfónica de Bratislava, que como carta de presentación, e cito textualmente, dí: “A las mujeres que nos precedieron en el difícil camino de la música, a las que dejaron su huella en las canciones, a las que rompieron con la tradición y los prejuicios y se pusieron a cantar, a escribir y a componer, haciendo de su música un estandarte con el que ondear al mundo su coraje, su libertad y su emoción”. 

Palabras ben fermosas que reflicten, unha vez máis , o compromiso desta gran artista coa causa da muller, redondeando o que xa foran outras apostas musicais como “Avanzadoras”, un libro-disco no que colabora con Oxfam-Intermon e acompáñase da súa admirada Ana Belén, de Estrella Morente, La Mari de Chambao, María de Medeiros ou María Dolores Pradera entre outras marabillosas artistas. Tamén recibe a Medalla de Ouro da Cruz Vermella polo constante labor realizado polos dereitos da muller.

Neste último disco homenaxea a compositoras tan importantes como Rosanna, Natalia Lafourcade, Totó La Momposina, Violeta Parra, Isolina Carrillo, Consuelo Velázquez, Dona Ivonne Lara, Chabuca Granda, Eladia Blázquez ou Mari Trini, esa gran muller da que eu sempre digo que se tivese nacido en Francia tería o prestixio e recoñecemento dunha Édith Piaf. Soamente por poñer un exemplo, a canción “Amores”, que Sole Giménez recrea no seu disco, é un deses temas que deberían estar escritos con letras de ouro na discografía española.

Sole Giménez non se detivo coa pandemia, aínda que o virus conseguíu pararlle a promoción deste “Mujeres de Música”, un disco que vai ter continuación porque son moitas as mulleres compositoras que aínda seguen no anonimato e que merecen estes recoñecementos en voces tan importantes como a desta artista valenciana, que hoxe terei o pracer de recibir no plató de “Bamboleo”. Unha muller que fai duetos e colabora cos grandes deste País, desde Joan Manuel Serrat ata Miguel Ríos ou Víctor Manuel, Kepa Junkera, Pasión Vega, Martirio e moitísimos máis; sen esquecerme desa colaboración que fixo na etapa de Presuntos Implicados co grupo Los Piratas na canción “Te echaré de menos”, o grupo vigués ao que recordo con especial cariño, co seu líder Iván Ferreiro á cabeza, porque cando comezaban estiveron de convidados no “Téquele Téquele” da TVG que eu presentaba, e onde tiven o pracer de coñecelos cando xa despuntaban como un dos grandes grupos da música española.

Te puede interesar