Opinión

Con Vicky Larraz

Xa teño ganas de que chegue esta noite de Bamboleo para poder estar con todos vostedes e cunha desas artistas que formaron parte da banda sonora de moitas das nosas vidas, na divertida década dos oitenta. Falo da querida Vicky Larraz, que despois de moitos anos vivindo en América onde non deixou de traballar como presentadora de programas de televisión, entrevistando a artistas da talla de Diane Keaton ou Meryl Streep na cadena Telemundo, volve á terra que a víu nacer como artista, recuperando a primitiva formación de “Olé Olé” que tantos éxitos lle deu e que tanto nos fixo cantar e bailar. Regresa pola porta grande con Gustavo Montesano na guitarra, Emilio Estecha no baixo e Paco Roncero nos teclados, cos que iniciou no 2016 unha ampla xira de concertos por toda España. Como carta de presentación desta exitosa volta agasallaron aos seus incondicionais co álbum de duetos “Sin Control”, onde Vicky se acompaña de artistas da talla de Paloma San Basilio, Falete, Danaiel Diges ou a mesmiña Marta Sánchez. Todo un luxo para os nostálxicos daquela década que tanto nos marcou no musical e tamén no cultural. Para a xira deste ano, quixeron gravar novamente todos os temas pero xa sen o formato de duetos. Coas súas cancións e posta en escea, onde vemos a unha Vicky Larraz pletórica pola que parece non pasar o tempo, arrasan no pasado World Pride de Madrid diante da mítica Porta de Alcala, miralá miralá, e no resto de concertos que dan por todo o País. Aí voven soar temas como “No controles”, “Lilí Marlén”, “Voy a mil”, “Soldados del amor” ou “Bailando sin salir de casa” que o público de diferentes idades e xeracións tararea como se estiveramos naqueles momentos nos que o alcalde Tierno Galván dicía aquelo tan moderno, e tan polémico, de “el que no esté colocado que se coloque y al loro”. Tempos aqueles nos que case todo estaba permitido e non había as malditas redes sociais que hoxe todo o condenan. Tempos nos que cada semana aparecía un grupo pop que revolucionaba o panorama musical como foi o caso de “Video”, no que a súa recentemente fallecida cantante Pepa Villalba cantaba temas como “La noche no es para mi” ou “Víctimas del desamor”, canción esta da que Vicky Larraz quixo facer unha versión para homenaxear á súa colega valenciana.

Non podía volver a nosa artista sen facer unha versión nova daquel “Bravo Samurai” que moitos recordamos e co representou a España no Festival OTI celebrado no ano 87 en Lisboa, obtendo un meritorio terceiro posto; esta versión chegou este mesmo mes de novembro da man de Steve Taylor cun toque distintivo do grupo. É un reencontrarse co público de sempre e con todas esas novas xeracións que os descobre e segue con entusiasmo; porque é moito o entusiasmo e as ganas que lle vota Vicky cando sobe ao escenario tal como poderemos ver esta noite na TVG, ou como fixo cada vez que se caracterizaba no programa “Tu cara me suena” imitando a cantantes como Cher, Jennifer López ou Ana Belén. Hoxe soamente se caracterizará de sí mesma, que non é pouco, e será un pracer recibila co cariño que merece ela e o Grupo “Olé Olé”.

Te puede interesar