Opinión

Coros eurovisivos pregravados

Despois daquela decisión irresponsable da UER de suprimir a orquestra en Eurovisión, que recordemos é un festival musical non a final da Super Bowl, agora deciden que os coros vaian xa gravados da casa, co cal moitas das actuacións van parecer máis un videoclip que unha actuación real en directo.

Xa lles parecía pouco nas últimas edicións que ditos coros non aparecesen en escea, sendo relegados a cantar entre penumbras, que agora xa os suprimen dun plumazo, e non serán poucos os espectadores que pensen que algunhas das cancións son interpretadas en “playback”, tal como ocurriu no Eurojunior deste ano que gañou a nena Valentina para Francia. Por certo a autora desta canción, Barbara Pravi, representará ao país galo cantando “Voilà”, unha fermosa balada moi ao estilo Édith Piaf.

Aos eurofáns máis xóvenes todos estes cambios que se van producindo no Festival non lles afectan demasiado, xa que foron medrando cos novos formatos televisivos onde xa todo vale con tal de ofrecer un espectáculo cada ano máis impactante. Ollo!, que a min tamén me gusta o espectáculo ao grande; pero ben é certo que hai honrosas excepcións onde unha boa canción, ben interpretada e sen ningún artificio engadido, é quen de alzarse co Micrófono de Cristal, como foi o caso do portugués Salvador Sobral e o seu “Amar pelos dois”, que apenas precisou máis que da súa voz para conquistar Europa. 

Pero botando a vista atrás non sei que farían co “Nocturne” de Noruega cando superaron á gran Anabel Conde que namorou a todos co seu “Vuelve conmigo” no ano 95. Recordemos que os noruegueses gañaron cun tema que apenas tiña 24 palabras; pois imaxinen hoxe esa canción competindo con toda a música e os coros gravados previamente. Un fraude. Pois como alguén non o remedie estamos abocados a ver as próximas edicións de Eurovisión como se foran concursos de videoclips para a MTV.
Xa era de pecado esconder os coros que moitas veces eran os auténticos protagonistas dos temas, pero suprimilos dun plumazo por pregravacións xa me parece algo inaudito. Imaxino que este ano tratarán de xustificalo por mor do coronavirus, pero non deixará de ser un desprezo para todos eses profesionais que fan que unha canción sexa redonda, e que sen eles o intérprete quedaría prácticamente espido.

Os máis veteranos neurofáns non podemos imaxinar á nosa Massiel gañando Eurovisión sen o marabilloso “Trío La La La”, ou ao famoso Eric Saade tratando de rematar a canción sueca sen a axuda dos seus coros-bailaríns cando quedou sen folgos na metade do tema. Podería poñer centos de casos nos que os coros son os que fan grande a unha canción, porque sen marchar de Suecia, un dos países máis eurovisivos de Europa, a propia Loreen quedaría a medias co seu “Euphoria” sen a axuda das voces ocultas que saían por tras do escenario, pero polo menos estaban e cantaban en directo non como pretenden facer agora.

E para rematar tería que dicir algo das dúas cancións que este mércores nos presentou RTVE  para que elixamos a que defenderá Blas Cantó en Rotterdam, quen evidentemente aproveita tamén a carta branca da UER para dobrar voces e aportar coros pregravados. Salga a que salga elexida sei que o querido amigo Blas, ao marxe de se as cancións son as máis idóneas, porá toda a carne na grella para facer unha actuación de dez, ou de doce “points”.

Te puede interesar