Opinión

As "costuras" de Guadi Galego

Sigo sacando o sombreiro a todo canto artista que é quen de editar un disco nestes tempos de incertidume e de escenarios valeiros e sen quen lles dea luz. E así o pensaba esta semana cando entrevistei na radio á compositora e intéprete Guadi Galego, un programa que se emite por certo esta mesma media noite. A estupenda cantante de Cedeira xa nos ofrecera un anticipo hai unhas semanas co tema “Cólico”, o seu primeiro sinxelo que xa reflictía o momento creativo no que se atopaba, cun tema que, en palabras súas, fala da dor que moitas mulleres pasan ao longo da súa existencia e viven como normais, nun tono incluso irónico, asumindo a realidade ou querendo fuxir da mesma, mentras traballan ou estudan. 

Para min foi moi impactante saber que Guadi compuxo esta canción despois de sufrir un deses terribles cólicos, en pleno confinamento. Hai que ser moi valente para contarlle ao mundo esas intimidades, onde fala do medo que pasou e do agradecemento que sentíu cando lle quitaron a dor despois de cinco días. Créanme que naquel momento da entrevista, previa á desta noite, mesmo me emocionei e sentín como se me anubraban os ollos cando Guadi dicía cousas como que “a pesar de todo seguimos vivindo, e entre dor e dor e retorcemento e retorcemento ata somos capaces de danzar, e pensar en como podemos chegar a normalizala, asumindo que está aí e que se repetirá mes a mes.” 

Cada vez que preparo unha entrevista para esta marabillosa muller créanme que o fago a conciencia, e escoito varias veces o seu traballo, as súas cancións, porque tal como lle dicía estes días “as túas letras serían fantásticas para comentarios de texto de calquera proba da EBAU”. Guadi íspese cando fala, e entra “ao trapo” en todo o que lle plantexes, sexa falando do idioma, da tradición, de feminismo ou do que o corazón nos pida nese momento. ¡E tén tanto que contar!, porque cada unha das cancións ben merecen botarlle unha pensada e varias escoitas para extraer o moito que queren transmitir, desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e, en palabras súas, á vez “máis esperanzador”.

Guadi sabía que o reto era moi grande, viña de recibir importantes recoñecementos ao seu anterior traballo “Immersion”, galardoado co Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado, e a iso hai que engadirlle a enorme valentía de ofrecernos estas “Costuras” en pleno inverno de “negra sombra” cun futuro ben incerto; pero aí están esas dez cancións que o conforman, e no que o electrónico convive armoniosamente coa parte máis orgánica, séndonos ofrecido tanto a través das plataformas dixitais como nun orixinal “Digipack” en cuxa portada agóchase unha obra do pintor Ricardo de Barreiro que cada persoa descobre rascando a superficie gris. 

Sempre acompañada Guadi polo seu compañeiro de fatigas Carlos Abal, e neste caso tamén coa presenza en texto e voz das poetas Antía Otero e Marina Oural, ademáis da cantante catalá Paula Grande. E xa é o momento de que puntada a puntada e costura a costura, Guadi nos envolva co precioso abrigo que confecciona con todo este gran traballo, e que nos irá cautivando canción a canción, desde “Velutinas” ata “O que ha chegar”, calzando uns estupendos “Zocos” como os que ela loce desde os tempos de Universidade. Todo isto e máis váinolo a contar e cantar esta noite na Radio Galega. Paga a pena escoitala.

Te puede interesar