Opinión

Da "sesión vermú" a "Bamboleando"

Esta próxima semana rematamos a “Sesión Vermú” na Radio Galega para emprender, dentro da mesma “casa”, novas aventuras radiofónicas cando chegue setembro. Co meu agradecemento para quenes rescataron aquel formato dos noventa que tantos éxitos nos deu, e tamén agradecido a quenes o seguiron mantendo e agora me propoñen novos retos para a próxima tempada, que acepto gustoso e para os que poñerei como sempre todo o meu empeño e dedicación. Será unha nova cita cos oíntes nas madrugadas dos venres e sábados, e na que contarei coa gran colaboración do amigo Carlos Roma, quen comezara conmigo a súa andadura audiovisual e que o levou da radio ata o plató das tardes con Ana Kiro, onde agasallaba á audiencia cos famosos “Kiro-Reloxos”, para posteriormente medrar e consolidarse como presentador en “Correo-TV”. Será fantástico reencontrarnos de novo nas ondas e compartir cos oíntes moitos momentos de risas, emocións, sorpresas, e de todo aquelo que contribua a facer das noites da fin de semana algo diferente.

Da querida “Sesión Vermú” volvo levar as mellores vibracións dos miles de ointes que nos sintonizaron, nos “wasapearon” e nos chamaron desde os seus camións, desde os barcos de baixura, desde as oficinas e os talleres, e por suposto desde as cociñas de tantos amos e amas de casa aos que lle saen máis ricos os menús coa música de fondo de Alejandro Fernández, María do Ceo, Juan Pardo ou Agoraphobia, porque para todos os gustos intentamos sempre facer a selección musical diaria. Polo noso programa pasaron ducias de intérpretes galegos e non galegos para presentar os seus discos e concertos; sempre é unha alegría que te chamen artistas da talla de Xabier Díaz, Susana Seivane, Maryland, Cristian Silva, Roi Casal, Ruxe Ruxe, Davide Salvado, Emilio Rúa, Pili Pampín, Lucía Pérez, Guadi Galego ou Uxía, por citar soamente a algúns dos moi consagrados, para facerme partícipe das súas novidades; síntome especialmente feliz cando podo axudar ás novas fornadas de cantantes e grupos aos que hai que apoiar a tope para que  tamén teñan un oco importante no panorama musical galego, a artistas como Guillermo Castro, Hugo Torreiro, Newmaik, Diego Nóvoa, Dani Royo, Vizcaíno, Lydia Botana, Gabri Fernández ou todas esas persoas que pasan ilusionadas polo “Agora ou Nunca” do “Bamboleo” ou polos “Recantos” de Luar. Soamente quero para eles o que para min quixen hai xa moitos anos, atopar un amplificador co que poder demostrar o que levamos dentro; logo será o público sabio quen vaia poñendo a cada quen no seu lugar, pero de entrada que todos e todas xoguen coas mesmas oportunidades. E os que empezamos desde abaixo, pelexando contra vento e marea co obxectivo de conseguir un soño, sabemos do importante que é que alguén simplemente che abra unha porta por onde presentarte e dicir aquelo que eu dixen no primeiro “Supermartes”: “Moi boas noites, chámome Xosé Manuel Piñeiro e veño desde Allariz”. 

O ”Bamboleo” televisivo seguirá acollendo a todos eses artistas e grupos de xente nova que buscan un escenario onde triunfar, e o “Bamboleando” radiofónico será o programa de proximidade onde compartiremos músicas e historias ben fermosas, historias que aínda están por escribir e por compartir.

Te puede interesar