Opinión

De Frida ao Fari

Estou mirando para este precioso busto artesanal de Frida Kahlo que teño na casa e penso na cantidade de figuras míticas que levarían un terrible desgusto se leventaran a cabeza. Imaxinades ao "Che" Guevara vendo como a súa cara, melena, gorra e estrela están reproducidas en millóns de camisetas, chapas e bandeiras?, mercadas e lucidas por sabe Deus quen, que esa é outra. O mesmo lle pasa á querida Frida, quen nestes tempos posiblemente sexa unha das figuras máis comercializadas do mundo mundial, e que sempre me lembra a visita que fixen á que fora a súa preciosa e azulada casa-museo no barrio de Coyoacán en México DF. Non hai tenda de "souvenirs" que non ofreza polo menos media ducia de obxectos distintos impresos coa súa peculiar faciana; ben é certo que algunhas destas creacións son realmente magníficas, aínda que se vendan ao por maior a prezos insignificantes; os artistas tamén teñen que comer e ás veces teñen que sucumbir ao nefasto turismo de masas e á industrialización do que antes eran obxectos de culto minoritarios. 

Pero o certo é que dá rabia viaxar a calquera parte do mundo e onde antes había coquetos comercios con productos locais, agora atopas os mesmos productos que os da tenda do lado do teu fogar, sexa en Amsterdam, Londres, Praga ou na rúa do Franco de Compostela, onde os botafumeiros, as gaitiñas de pitido insoportable e as cunchas xacobeas conviven con camisetas de Julio Iglesias, tazas coa cara do Fari, ou mesmo coa miña, con estrela bermella incorporada. 

Fago un inciso, menuda sorpresa levei cando un compañeiro do programa me apareceu con esa taza de almorzo coa miña cara impresa, a mesma sorpresa que cando os responsables de propaganda do espazo de concertos "Salason" de Cangas decidiron empapelar medio Morrazo coa miña cara superposta, en plan "feik", na figura dun Sagrado Corazón armado de baquetas e cervexa. Confésolles que me costou anos conseguir un deses pósters, arrincado por alguén directamente dun muro para regalarmo; tanta gracia me fixo que o teño enmarcado ao lado dalgún excelente Quessada.

En fin, confeso que sempre que podo adquiro artesanía de verdade, como o domingo pasado na feira de Allariz, e non reproduccións orientais de dubidoso gusto; pásame o mesmo que coas figuras relixiosas, que algunha posúo, hainas marabillosas e hai que pagar por elas, e hai San Benitos ou Inmaculadas aos que lles miras para os ollos e case che dan medo. Aí é onde descobres se estás diante dunha peza feita a man por artesáns da terra, sexan de Lugo ou de Olot, ou unha plastificada mala copia "made in Pekín". Hai que mirar que polo menos veñan coa garantía de seren pintados ao óleo, e sobre todo que os ollos sexan de cristal. 

Por iso, sempre que podo,  sigo con esa tradición de achegarme en tempo de Nadal ata a Praza Maior de Madrid, esa na que a alcadesa Botella tomaba un "relaxing cup of café con leche", para ir aumentando pouco a pouco a poboación do meu Belén. Aínda que este ano estou pensando en facerlle a competencia ao alcalde Caballero e, como vivo nun ático, pedirlle permiso aos veciños para colgar tal cantidade de bombillas de baixo consumo por toda a fachada que lle fagan competencia á noria de 60 metros que vai montar pretiño da miña casa, neses meses do ano onde non se fala doutra cousa que do inmenso despregue de luces de Nadal na cidade olívica.

Te puede interesar