Opinión

De pata negra

Xa choveu desde aquel 17 de xuño de 2001 cando nas emisoras de radio musicais comezábase a escoitar a que logo sería todo un acontecemento discográfico mundial, sobre todo nos Países de Latinoamérica, onde o “Baile do Gorila” interpretado por unha “pizpereta” nena de dez anos chamada Melody conseguía discos de ouro e platino a esgalla. A canción pertencía ao disco “De pata negra”, que tamén daría título a outra das cancións fetiche da artista sevillana, nacida nunha familia de artistas comandada polo seu pai, Lorenzo Ruiz Molina, membro de Los Kiyos e solista na actualidade. O enorme éxito acadado co primeiro disco levouna a facer dous anos despois unha extensa xira por países como Colombia, Arxentina, México, Venezuela e moitos outros latinoamericanos, chegando ata Estados Unidos, Australia, Xapón ou o Reino Unido, sendo considerada xa toda unha nena prodixio da canción. Contábase con ela para grandes e importantes eventos, como concertos solidarios contra o maltrato e a violencia machista, ao lado de artistas da talla de Rocío Jurado, Lolita, Sole Jiménez ou Alaska entre outras grandes, e mesmo colaborando no disco “Hay que volver a empezar”.

Melody con Javier Varela nos ensaios.

Pero no medio de todo isto estaba unha rapaciña moi nova que revolucionaba todo o que tocaba, cuns vídeos absolutamente eléctricos, onde sempre se acompañaba por infinidade de bailaríns que convidaban a imitar as súas coreografías nos pegadizos retrousos das cancións. Neses anos Melody non deixaba a ninguén indiferente, moi precoz e sobreactuada para algúns, e todo un fenómeno para a lexión de fans que a seguían por todo o mundo. Eu confeso que era dos primeiros, ata que a coñecín persoalmente moitos anos despois, xa presentando o “Bamboleo”, programa a onde volverá esta noite de sábado para ser unha das nosas convidadas, acompañando a outros artistas como o noso querido e grande humorista “Isi”, os galegos “Boyanka Costova”, pioneiros do trap en galego e sendo considerados os pioneiros do twerking rural, con cancións cheas de retranca e con gran esencia da música urbana; e os tamén galegos e campionísimos de bachata dominicana David e Lidia, que xunto coa orquestra “La 5ª Mecánica Riazor” van facer unha fantástica festa no noso plató.

Melody vainos sorprender como sempre fai cando nos visita, sexa en solitario ou co acompañamento do seu irmán, o tamén bailarín e cantante Elezar Ruiz. A sevillana tivo a oportunidade de ser redescuberta polo gran público coa súa participación no concurso “Tu Cara Me Suena”, onde a súa prodixiosa voz e as súas interpretacións deixaron coa boca aberta a máis dun, imitando, e de que maneira, a artistas como Ana Torroja, Gloria Trevi, Thalía, Natalia Jiménez, Gloria Gaynor, Lola Flores ou a inmensa Rocío Jurado.

Melody é desas artistas coas que dá gusto traballar, porque entrégase en escea ata o indecible e como eu digo sempre “rema cara adiante”, facendo que o producto final sexa todo un éxito. Non perdan esta noite a canción “Magnetismo” que interpreta ao final do programa acompañada únicamente polo piano do gran Javier Varela; é un deses momentos nos que a  maxia da escea pon a pel de pita a calquera persoa cun mínimo de sensibilidade e gusto pola boa música en directo. Eu hai anos que redescubrín a esta poderosa artista, si vostedes aínda non o fixeron teñen esta noite unha oportunidade de ouro para facelo.

Te puede interesar