Opinión

Debuxos animados

Mentres isto escribo teño de fondo a Peppa Pig; tócame tragar todo o que poñan en "Clan" durante esta tarde que me tocou exercer de canguro das miñas sobriñas; imaxino que nalgún momento tamén aparecerá a "Patrulla Canina" e cousas polo estilo; todo elo sen que as nenas lles fagan hoxe demasiado caso porque prefiren estar enredadas coas súas pinturas ou con cantar e bailar. Para a miña sorpresa saben íntegramente a canción "Lady Lady" que o grupo "Bravo" levara a Eurovisión, gústalles especialmente o estribillo cando dí "se pinta los ojos de azul"; están nesas idades que devecen por levar as uñas bermellas, e poden estar escoitando a cancionciña de marras vinte veces seguidas sen descanso. 

Pero o que verdadeiramente lles apaixoa é todo o relacionado con "Pippi Calzaslargas", e iso sí que me gusta, porque xa pasaron moitos anos desde que a nena sueca entrara nos fogares a través da tele, e moitos nenos e nenas de agora seguen igualmente alucinados coa sua vestimenta, o seu cabalo de lunares, o mono Sr. Nilsson, as trenzas bermellas e as súas loucuras imaxinativas e rebeldes.

Con isto de Pippi ocorre un pouco como con Marisol, salvando a distancia, que cando en "Cine de Barrio" repoñen por enésima vez algunha peli súa moitas nenas quedan enganchadas cal imán. Agardo por certo que Pepa Flores acuda a recoller o "Goya" de Honra que este ano a Academia de Cine Español lle quixo ben merecidamente conceder; parece que non vai ser así xa que todos sabemos da dicrección da actriz, pero o mesmo xorde a sorpresa como no seu día pasou con Almodóvar e seriamos moitos os que nos alegrariamos de verdade.

Pero volvendo aos debuxos animados das miñas nenas, fanme recordar a miña propia infancia e sinto envexa de verdade pola cantidade de ofertas audiovisuais que teñen. Os nenos da miña época tiñamos que conformarnos con apenas uns minutos de debuxos que agardabamos cada día con especial ilusión, sobre todo se eran os de "Tom y Yerry" ou "Don Gato" e a súa pandilla. Lóxicamente aínda faltaban varias décadas para que irrumpiran nos fogares dos nenos galegos os protagonistas do Xabarín Club, que conseguiron que moitos rapaces e rapazas do centro das cidades, foran ganados para o noso idioma mentres gozaban das aventuras dos seus heroes, mesma labor que xa viña facendo o resto da programación da Televisión de Galicia cos máis maiores.

Ao meu pai sempre lle encantaron os debuxos animados, o mesmo que era un lector empedernido do Capitán Trueno e do Jabato, coleccións que lle regalei enteiriñas cando se volveron editar por recordarme a miña infancia cando todos estes personaxes formaban parte da miña vida, aos que se unían "Zipi y Zape", "Mortadelo y Filemón", "Pepe Gotera y Otilio" ou "La Familia Cebolleta". Por estas datas próximas ao Nadal sempre me encantaba ler o "Pulgarcito" ou o "Tio Vivo" cheos de viñetas con bonecos de neve e renos chegados do Polo.

E tal como prometín a semana pasada nesta páxina, mañá penso adiantarme ao alcalde de Vigo e inaugurar oficialmente a miña árbore chea de bolas e anxelotes e o meu Belén artesanal, mentres fago soar algúns dos villancicos que, ao igual que os debuxos animados, lévanme de viaxe a unha feliz infancia, sen tablets nin mandos a distancia, pero chea de cousas ilusionantes, porque a onde non chegaba a tecnoloxía moitas veces chegaba a imaxinación.

Te puede interesar