Opinión

Desarmando o Belén

Non queda outra, porque non vou facer como o meu compadre que deixa colocada a árbore de Nadal ata o mércores de cinza; aínda que ben pensado unhas luces e unhas cintas brillantes ben valen para calquera outra celebración, mesmo para o Entroido. Pero o do Belén é outra historia, e aínda somos moitos os que chegado o mes de decembro, e imbuídos por ese espírito navideño que resistimos a perder, decidimos volver darlle vida ás figuriñas que fomos mercando ao longo dos anos; e no meu caso, seguramente por ser fier a unha tradición que de neno vía na tele, adquiridas no gran “mercadillo” da Praza Maior de Madrid e optando sempre polas que levaban a firma dalgún alfareiro dos moitos e bós que hai repartidos pola xeografía hispana.

No primeiro que me fixei sempre cando adquirín algunha destas preciosas pezas de artesanía é nos ollos; aí é onde se distinguen fundamentalmente as nosas das que chegan falando en chinés mandarín e cun arrecendo a plástico que tira para atrás. Por ser fiel á tradición ata poñería musgo, se non fora porque é un atentado ecolóxico que cometiamos de nenos sen saber o que estabamos facendo, e seguramente porque nas terras  de Allariz outra ocusa non habería, pero musgo entre as pedras había para dar e regalar. Confésolles que, mea culpa mea grandísima culpa, tardei anos en decatarme de que o musgo era unha pranta protexida e intocable polo rol imprescindible que xunto con outras “briófitas” desempeñan nos ecosistemas. 

Agora soluciono todo con serrín para os camiños e palla para o Pesebre; non me quedou sitio para o río pero puxen igualmente a ponte e o pescador porque para iso está a imaxinación en tempos de seca, que era como estabamos hai un mes cando montei o Belén, no que como é tradicional o tamaño dos camelos dos Reises nada ten que ve co resto das figuras, pero todo na vida é unha cuestión de perspectiva, e a min paréceme bonito, que para iso tamén viñeron da capital do Reino, aínda que naquel ano eu non estivera fino ao calibrar o tamaño.

Pero esta tarde toca recoller, porque eu non son como este meu compadre de árbore perenne, e teño que erguerme mañá con todo colocado no seu sitio de sempre, as figuriñas ben protexidas nas súas caixas e o Portal de Belén agardando outros once meses para ser de novo  protagonista, recordándonos que algún día fomos aqueles nenos ilusionados que, por moito que xeara e as mans e os pés quedaran ateridos, arrincaban terróns e o agora prohibido musgo para darlle a benvida a un marabilloso tempo de Nadal; un tempo que remataba tal día coma hoxe entre ruidos de estralotes daquelas pistolas de plástico coas que os nenos de entón nos convertiamos nos protagonistas de “Bonanza”; nenos que, sen ánimo de entrar en polémicas estériles, non por elo saíron máis violentos que os de hoxe en día, que pasan horas e horas sentados diante dunha pantalliña que lles fala todo o tempo, un tempo que antes empregabamos para falar entre nós, tocarnos, berrar e brincar, e dicir aquelo de “tienes que hacerte el muerto que te disparé tres veces”, e non quedaba máis remedio que quedar no chan un par de minutos, así eran as regras do xogo; pero sempre resucitando as veces que fixera falta. Sen sabelo xa eramos uns auténticos mocosos Super-heroes.

Te puede interesar