Opinión

A volta de Ana Rosa


Sempre é unha excelente noticia saber que alguén se recupera dun cancro e volve facer unha vida máis ou menos normal, e digo o de máis ou menos, porque quen ten cú ten medo, e esa inquedanza sempre está aí presente, acentuándose nos momento nos que tés que pasar as túas revisións máis ou menos periódicas; e máis aínda cando o que ti padeces é dos que seguen sen ter cura definitiva, e a ciencia, o que vai facendo, é tratar de convertelo nunha enfermidade crónica, aproveitando os moitísimos avances que neste campo se están producindo. Bendita ciencia e benditos científicos para os que habería que aplicarlles os contratos millonarios dos futbolistas; e, por suposto, non deixar que emigre nin un máis deses xóvenes “coquiños” dos que se nutren países moi listos que saben como mimalos e compensalos.

O anuncio da volta de Ana Rosa Quintana é moi importante, por suposto para ela, pero tamén para os milleiros de persoas que a seguen, con permiso da canle televisiva onde eu traballo, e que están pasando por unha situación similar e queren amarrarse a esa esperanza de ver como son cada día máis persoas as que curan estas graves doenzas, convertendo a súa volta, como no seu día a da querida Julia Otero ou Dani Rovira, nunha especie de festa oncolóxica colectiva.

Eu, que procuro levar o meu coa maior discreción posible, limitándome ás dúas emotivas entrevistas que meu amigo Gayoso me fixo no programa “Luar”, unha para anunciar o que me pasaba, e outra para anunciar a miña volta, sigo pensando que ás cousas hai que charmarlles polo nome que teñen, e se a nosa proxección mediática vale para que alguén que nos está vendo se amarre á positividade con todas as súa forzas pois bendito sexa. Son moitos os amigos e amigas que sempre pasan un ratiño televisivo comigo os sábados pola noite para ver como me atopo, e salvo eses quiliños de máis que non dou botado fóra, dinme que teño un aspecto estupendo. Pois aí estamos, con toda a forza da que son capaz e coas miñas hematólogas e enfermeiras coidando de que todo vaia ben.

Cando volvín poñerme diante das cámaras despois de pasar ano e medio ausente polas diferentes etapas no proceso de tratamento foi un dos momentos máis felices da miña vida, porque recordo perfectamente aquel mes de agosto que estiven internado no Cunqueiro, cando desde a cama vía os programas que eu deixara previamente gravados, no que soamente tiña unha idea fixa na cabeza, volver a ese plató de televisión que tantas alegrías me tiña dado, dicindo para min, “volverei estar aí”. E volvín pedindo a alta voluntaria, cousa que lle chamou a atención ao meu médico de cabeceira, pero eu sabía que mentres a ciencia facía o seu traballo, a miña cabeza faría outra parte moi importante, sentirme vivo. E así imaxino que serán os sentimentos de Ana Rosa este luns cando volva a poñerse diante das cámaras e falarlle a toda a súa parroquia que a agarda como auga de maio. Porque o noso público agarda por nós; levamos entrando nas súas casas moitos anos e sentíndonos como alguén da familia, e podemos entender esas bágoas de persoas que eu puiden ver desde o escenario de “Luar” as dúas veces que me sentei no sillón con Gayoso, a quen felicito de todo corazón por ese Premio da Cultura Galega que acaban de concederlle máis que merecidamente.

Pois iso, benvida de novo Ana Rosa, e que goces da vida todo o que poidas, e que todos gocemos da vida o que a vida nos deixe.

Te puede interesar