Opinión

Despedida de solteir@

Non dubido de que moitas e moitos tendes gozado nalgunha ocasión con estas celebracións, e seguro que buscastes a mellor maneira de pasar un día fantástico; polo tanto non é a vós a quen me dirixo nestas liñas. Diríxome fundamentalmente a eses grupos que vemos deambular sen ton ne son a calquera hora intempestiva do día nas fins de semana, léase despois de comer cando non hai nin un alma polas rúas das cidades, con cara de aburrimento, ou o que é pior, con cara forzada de pasalo ben cando realmente non saben que facer coas súas vidas e cos seus esperpénticos disfraces. Porque claro, para manter en alto unha festa desde as dez da mañá ata altas horas da madrugada ou está moi ben planificada ou iso non hai quen o manteña. E se por riba, toca un día de choiva, no que os "tutús" ou as capas de "El Zorro" van absolutamente empapados, por non falar desa colección de falos que a moitas lles da por poñer na cabeza a modo de unicornio, a cousa non pode ser máis patética. Dígollo porque cada sábado vexo pasar por diante da casa non poucas romarías chegadas desde moitos puntos de Galicia para acompañar e supostamente divertir a quen vai casar días despois, e vexo tantas caras alegremente finxidas que sinto verdadeira pena. Dos disfraces elexidos para a ocasión mellor nin falar, porque hai que darlle moitas voltas á cachola para sair así á rúa, un auténtico despropósito. Aínda que non sei que é pior, se iso ou aquela manía de colgar de toda canta ponte hai nas estradas as pancartas con mensaxes tipo, con perdón: "Manolo deja ya la alemanita, que ahora ya tienes a la Yesi". Pura poesía nesta que foi a última que vin hai pouco.

Cóntanme que aínda segue funcionando iso tan clásico de pasar todo o día agardando á chegada da noite para ir os "boys", con respecto para os profesionais que se dedican a iso, ou para rematar a xornada nun "clube de alterne". Eu pensaba que nos tempos que corren isto último xa formaba parte da historia máis casposa, aínda que polo que me dín tamén é certo que xa é minoritario e a xente busca alternativas máis gratificantes; algunhas delas mesmo impactantes como irse á República Checa a pegar tiros a un antigo campo de manobras ou a Murcia a tirarse en paracaídas; unha maneira como outra calquera de pasalo ben na compaña dos teus amigos ou amigas. Calquera cousa antes de botarse á rúa horas e horas intentando dar imaxe de ledicia cando por dentro estás pensando aquelo de "por favor que isto acabe xa".

E polo que vexo nos lugares turísticos do país irmán repítense os mesmos ritos, vas a Porto, Lisboa ou Albufeira, ateigadas de turistas británicos e alemáns, e verás os mesmos comportamentos e os mesmos disfraces, e tamén as mesmas caras de desesperación contida nesa hora da sobremesa na que o mundo se che ven enriba e o único que desexas é durmir as cervexas ou os vermuts do mediodía. 

Eu non teño nada contras as despedidas, aínda que como non vou ás vodas desde hai moitísimos anos non teña participado nunca delas, e moito menos con que a xente se divirta e se poña o mundo por monteira de cando en vez, que as cousas están como para facer tolarías; pero sí que me dá moita lástima o ter que aparentar  pasalo ben cando se está ata a "coronilla" do tutú, do traxe de marciano, do falo na cabeza ou de cantar o "Miudiño". 

Mellor quedar na casiña collendo forzas e sair o tempo xusto para vivilo intensamente.

Te puede interesar