Opinión

No Día de Galicia en Asturias

O cantante galego Antonio Barros.
photo_camera O cantante galego Antonio Barros.

Este ano volvín viaxar ata o Principado para participar na Cea de Gala de entrega de Insignias de Ouro da Asociación “Día de Galicia en Asturias”, que nesta edición recaeron no alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e no director xerente do Banco Sabadell-Gallego, Pablo Junceda.

O evento non puido ter mellor marco ao celebrarse nos salóns do histórico Hotel de la Reconquista, sendo recibidos por unha estupenda Banda de Gaitas, mentres as autoridades ían chegando e saudando a todos os convidados; coa presenza do Presidente do Principado, Adrián Barbón, o alcalde de Oviedo, Alfredo Canteli, o Secretario Xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, e o Presidente de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, entre outros políticos, empresarios e representantes da vida social, cultural e económica de Asturias vinculados con Galicia. A todos eles deulles a benvida o Presidente da Asociación, o infatigable fillo da Ribeira Sacra, Manuel Fernández Quevedo, que un ano máis deixou a pel para que todo saíse perfecto.

Ao marxe do protocolario deste tipo de actos, teño que dicir que os discursos, previos á cea, foron do máis inxenioso e amenos, cousa que se agradece cando tés xa no prato un trozo de empanada ao que non lle podes incar o dente por moita “lambrina” que teñas a esas horas da noite. Notábase que os políticos estaban a gusto e que compartían un moi “bo rollo” entre eles, cousa moi de agradecer cando case todo xiraba en torno á promoción do “Ano Xacobeo”; unha promoción que ao día seguinte tería unha cita deportiva importante, cunha Volta Ciclista por Oviedo percorrendo a Ruta Xacobea que atravesa a cidade, con saída e chegada na Praza da Catedral e comandada polo gañador da Volta Ciclista a España 1986, o noso querido Alvaro Pino, que tamén se atopaba entre os comensais e con quen puiden compartir algunhas confidencias tanto alí como ao día seguinte no almorzo do hotel.

Outro dos convidados foi o cantante galego Antonio Barros, que nos deixou impresionados unha vez máis coa súa voz e coa interpretación do “Nessum Dorma” e dos Himnos Galego e Asturiano, cantados a dúo coa magnífica soprano Tina Gutierrez, con quen tiven o pracer de compartir mesa e de quen recibín dedicado o seu libro: “Misa en Honor de la Virgen de Covadonga”. Eses momentos musicais foron dunha gran altura recibindo a felicitación expresa do Presidente da Xunta, que mesmo xogou co nome de Antonio ao convertelo no gran “Antonini”, cousa que me alegrou especialmente porque o querido Antonio Barros dérase a coñecer para todo o público galego nos “Recantos” de “Luar”, onde tiven a oportunidade de darlle como xurado máis dun dez; un dez como artista e un dez como persoa. Nestes momentos non para de percorrer Galicia cun espectáculo de piano e voz realmente fantástico e recomendable.

Nin que dicir ten que aproveitei a fin de semana para gozar da beleza de Oviedo e dos seus arredores, volver visitar Xixón nunha estupenda mañá de praia, e a marabillosamente rehabilitada Avilés, onde xantei baixo os seus fermosos soportais mentres un atento camareiro escanciaba sidra para acompañar a espléndida taboa de queixos asturianos que degustei. Á volta quixen parar na preciosa “Rectoral de Taramundi” e dar conta dunha riquísima fabada gozando dunha paisaxe incrible, para poñer punto e seguido a unha fin de semana galego-asturiana realmente fantástica.

Te puede interesar