Opinión

"Estación del norte"

Xa saben vostedes que non son eu moi afeccionado a escribir sobre libros, porque para iso xa están os críticos, pero algo tiña que dicir ao atoparme de fronte cunha realidade  que eu, “yo pecador me confieso”, descoñecía. Como moitas outras veces, tivo que ser a miña amiga Marisa de Allariz quen á hora do vermú domingueiro me puxera ao día de todo o que acontece na  Vila durante a semana; e o que aconteceu xa hai un tempiño foi a presentación de “Estación del Norte”, libro que non deixa a ninguén indiferente, e moito menos a aqueles que nalgún momento compartimos vivencias coa súa autora. Unha novela autobiográfica en gran parte e que por elo resulta dura, incómoda e inquietante por todo o que reflicte. Digo o de incómoda a posta, porque unha vez rematada a súa lectura daste conta do diferente que pode ser a vida das persoas que nacendo no mesmo ano, como é o noso caso, e compartindo os primeiros tempos de infancia e adolescencia, viaxan por camiños ben diferentes.

Cada páxina do libro de Pura Cid levoume necesariamente aos tempos nos que a súa familia estaba moi próxima, non soamente físicamente, a moitos de nós; únicamente tiñamos que atravesar a carretera nacional de Madrid para entrar naquel recordado ultramarinos que nos abastecía de case todo o necesario para a vida diaria; desde o viño do mediodía ata as zapatillas de andar pola casa, e moitas veces tendo que atender fora de horario aos que iamos a última hora pola sal ou o tulipán; era a tenda de referencia para os que viviamos nas Casas Baratas ou no cuartel da Garda Civil que estaba alí ao ladiño.

No caso da amiga Pura sumábase algo tamén importante, xa que tal como conta no libro, e tal como eu contei no meu, o seu pai Luis era o noso carteiro, aquel que a falta de buzóns nos portais utilizaba a comunicación dos pitidos en función do piso para o que chegaban as cartas, que daquelas nin eran do banco nin de facenda, eran case sempre de familiares emigrados e de non poucos amores que andaban durante o ano por Eibar, Alemania ou Madrid, e cos que había que comunicarse a través das cartas, xa que o teléfono daquelas era un artigo de luxo e soamente se usaba para temas moi puntuais ou para sufocar quenturas de amores arroutados.

Pero non fala disto o libro de Pura Cid, ela fálanos da vida máis dura, desa para a que seguramente nunca estamos preparados, nin nós nin os nosos seres queridos; ponnos diante desas enfermedades mentais das que case ninguén quere falar e que están ben presentes na nosa sociedade, e por iso estamos diante dun libro valente, moi valente, de alguén que ama escribir por riba de calquera cousa, ata o punto de abandonalo todo, incluída a súa profesión de médico, por acadar os seus soños e a ansiada liberdade. Case nada. 

Hai moito tempo que non coincido con Pura, e sinto non saber da presentación que fixo en Allariz e  Ourense, pero desde estas liñas quero dicirlle que sentín moita emoción lendo a súa novela e que agardo xa pola súa próxima obra, porque sei que este xa é un camiño sen retorno, o de ser unha estupenda escritora, e un magnífico e valente exemplo de desmitificación para miles de persoas e familias que conviven a diario con algunha enfermidade mental.

Te puede interesar