Opinión

A eurovisiva Olivia Newton-John

Aínda que vaia cunha semana de retraso non quero deixar pasar a miña lembranza a unha desas artistas que marcaron toda unha época, na que millóns de nenas e rapazas quixeron que as súas modistas lles confeccionasen aquel conxunto negro rompedor, co que aparecía nos últimos momentos da película “Grease”, ao lado do seu sempre querido Jhon Travolta, que encarnaba a Danny Zucho, e facendo que no patio de butacas se dera algo que non volvín experimentar na miña vida, ver como os espectadores do Cine “Xesteira” de Ourense nos puñamos en pé para cantar e emular a pegadiza melodía e coreografía que todos estabamos agardando que se producira, despois de tantos amores e desamores xurdidos ao longo do film.

OLIVIA e TRAVOLTA EN GREASE.jpeg_web
Olivia e Travolta en Grease.

Un amigo comentábame o outro día que non é unha gran película, e seguramente tén razón, pero o certo é que cada vez que a repoñen nalgún canal televisivo por enésima vez ocorre o mesmo que con “Pretty Woman”, que se converten en líderes de audiencia.

Os que somos seguidores de Eurovisión xa coñeciamos a Olivia pola súa participación no Festival representando ao Reino Unido no ano 1974, acadando co seu vestido azul claro un meritorio cuarto posto coa canción “Long Live Love”, nunha moi competitiva edición na que os suecos “Abba” alzábanse co triunfo e marcaban un antes e un despois na historia do Eurofestival, e nas propostas musicais de moitos países nas seguintes edicións. En segundo lugar ese ano colocouse a marabillosa Gigliola Cinquetti coa fermosa canción “Si”, artista italiana á que todos recordabamos coa súa gañadora “Non ho L’età” moitos anos antes, e o terceiro posto iría para os Países Baixos. O rei da rumba catalá, o noso Peret, acadaría a novena posición coa archipopular “Canta y sé feliz”.

Ao ano seguinte Olivia foise a vivir aos Estados Unidos, onde se fixo moi coñecida en pop e country, e os que lle seguiron a súa carreira máis de preto, despois do éxito de “Grease” e en menor medida de “Xanadú” anos despois, recordarán aquel “Physical” que ocupou os primeiros postos das listas de éxito. De “Xanadú” hai que lembrar a participación de Gene Kelly, e a composición da banda sonora na que estaba entre outros o tamén eurovisivo e ídolo pop do Reino Unido, Cliff Richard, ao que Massiel, co “La La La”, lle privou de gañar Eurovisión no ano 68 cando xogaba na casa, no “Royal Albert Hall”, co seu exitoso “Congratulations”. Sempre recordarei que este momento, para os nenos e non tan nenos da época, tivo a mesma emoción e repercusión que cando a “Roxa” gañou o mundial de fútbol.

Da querida Olivia Newton Jhon é xusto e necesario recordar toda a súa faceta altruista e comprometida con determinadas causas, sobre todo a raiz de enfermar de cancro varias veces ao longo da súa vida, converténdose nunha auténtica activista social defensora da investigación da enfermidade e de moitas outras causas, sendo nomeada Embaixadora de Boa Vontade do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambente; e entre outras moitas outras condecoracións sendo nomeada no ano 2019 “Dama do Imperio Británico” pola súa carreira artística e polo seu labor humanitario na loita e prevención do cancro, para o que defendía e utilizaba o aceite de cánnabis para combater as dores que lle provocaba a enfermidade; mal que lle reaparecería por terceira vez e que a levou o oito de agosto deste ano, facendo que todos a puxeramos no noso “Spotify” para escoitar unha e outra vez o “You’re the One that I Want”. Boa viaxe querida Sandy.

Te puede interesar