Opinión

Familias, reboleos, Donés e Sardá

Los Ojea, participantes en la pasada edición de "A miña familia pola túa". (foto: Martiño Pinal)
photo_camera Los Ojea, participantes en la pasada edición de "A miña familia pola túa". (foto: Martiño Pinal)

Estes días tiven o pracer de entrevistar na Radio Galega a varios amigos que estrean ou revalidan programas de televisión. Falei con quen foi o meu compañeiro de fatigas nos primeiros anos radiofónicos, o querido Carlos Roma, que desde o seu posto de subdirector está coordinando o casting que están facendo por toda Galicia para atopar familias idóneas que participen na segunda tempada de “A Miña Familia Pola Túa”, despois do gran éxito obtido polo programa na súa primeira entrega; unha producción de “Outro” do Grupo La Región e DLO Magnolia para TVG. Alégrome moito saber que lles vai estupendo a aqueles amigos e amigas que traballaron comigo e deron o mellor de sí en cada proxecto que afrontamos ao longo dos anos; e ese é o caso de Carlos Roma que, salvo unha pequena paréntese para repensar a vida, volveu ao que máis lle gusta, o mundo audiovisual, sexa por diante dos micros e da cámara como na “Sesión Vermú” ou  “Tardes con Ana” onde enchía Galicia de “Kiroreloxos”, ou sexa por detrás, como é agora o caso, manexando os fíos de todo o divertido e emotivo que se vai producir nas casas destas novas familias participantes no programa.

Tamén entrevistei a Lucía Rodríguez e a Adrián Díaz, ben recoñecidos e queridos por ter estado ao fronte do “Aquí Galicia” no caso de Lucía e “Larpeiros” no caso de Adrián, entre outros moitos programas nos que teñen participado con éxito. A pasada semana estrearon “Que nos pille rebolando”, o novo formato para as tardes dos sábados na Televisión de Galicia, que nos convida dun xeito ben ameno a vivir as festas galegas xusto nestes tempos nos que a maioría non se poden celebrar; pero eles conseguen, desde o plató e desde os pobos e cidades galegas, transmitirnos o espíritu da festa, recordando outros momentos vividos de xeito participativo sen que ningún terrorífico virus andivese de por medio, e facendo que xa nos preparemos para poder vivilas “in situ” o ano que ben. Foron moi amables querendo contar comigo, neste caso entrando por teléfono no seu debut, como xa fixera na estrea de “Aquí Galicia” desde Ponteareas, onde estarán hoxe, nunha tarde que caera o diluvio universal; pero tal como se dí nas vodas iso de “noiva mollada noiva afortunada”, foi un bo agoiro para o programa que estivo moitos anos en antena con grande éxito; agardo que este “rebolando” voe polo menos tan alto.

E para rematar hoxe esta miña colaboración xornalística quero acordarme dos grandes artistas que nos deixaron esta semana, o sempre querido Pau Donés, “Jarabe de Palo”, que nos regalou quilos de tenrura e cancións que xa son historia do pop nacional e internacional; soamente con “La Flaca” xa é como para que figure con letras de ouro nos mellores libros de discografía; e a miña admirada Rosa María Sardá, unha desas mulleres que cando aparece en pantalla, tanto de cine como de televisión, engrandece todo o que alí está ocorrendo. Os anos que  presentou a Gala dos Goya son un auténtico máster para todos aqueles que amamos e traballamos este oficio da comunicación e do espectáculo en directo.

“La Sardá”, ou algunhas outras actrices como Chus Lampreave, son desas mulleres que me fixeron amar o cine e a televisión, dándolle ao humor a categoría de sublime; as aparicións de Chus nas películas de Almodóvar son como para enmarcar de por vida e amala eternamente.

Te puede interesar