Opinión

Festival da cançao en Guimarâes

Con que gusto asistín o pasado domingo ao Festival da Cançâo que cada ano organiza a Televisión Portuguesa para elexir a canción que os represente en Eurovisión. Fun convidado polos amigos da RTP que non esquecen que tiven a honra de presentar na miña cidade a primeira colaboración en directo que con eles fixo a nosa Televisión de Galicia, e para máis orgullo desde a Praza Maior de Ourense, todo un luxo. Como luxo foi reencontrarme coa queridísima RTP, unha das presentadoras máis queridas en Portugal, tanto pola súa profesionalidade como, por que non dicilo, pola súa beleza, elegancia e xenerosidade que eu puiden comprobar cando estivo connosco facendo o “Aquí Portugal”.  Recibíunos cun cariño enorme na entrada do Multiusos de Guimarâes, cidade na que naceu Portugal, para posteriormente deixarnos moi ben acompañados e de conversa con diferentes responsables da cadena pública portuguesa e mesmo polo presidente da RTP, quen cumprimentou especialmente a Fernando R. Ojea, Director de Contidos da CRTVG e Secretario Xeral da Circom, “European Association of Regional Television”, con quen compartín catro horas de televisión en directo, nun espectáculo que non defraudou a ninguén, cunha preparación e unha posta en escea impecables, tal como gustan os portugueses de facer estas cousas, con clase e profesionalidade. Foi un bo adianto do que podemos agardar en Lisboa no mes de maio cando alí se celebre ese Festival de Eurovisión tan merecido despois do incuestionable triunfo de Salvador Sobral. A súa irmá Luisa, marabillosa compositora e cantante, actuou antes das votacións, e antes de que vivísemos un dos momentos máis emocionantes da noite, cando se homenaxeou a gran Simone de Oliveira, que representou ao seu País nos festivais de 1965 e 1969 e tamén na OTI de 1980. Foron intensos minutos de aplausos para unha marabillosa artista de 80 anos que cantou e vivíu unha noite memorable coas tres mil persoas que alí estabamos postas en pé.

O Festival tivo unha gran calidade, aínda que ben é certo que os eurovisivos alí presentes botamos de menos algunha que outra canción máis alegre e movida con melenas ao vento e fogos de artificio, xa que todos e todas se decantaron por ritmos melódicos. A canción gañadora era a clara favorita para a maioría dos que alí estabamos, cunha preciosa voz de Claudia Pascoal defendendo o tema “O Jardim”, seguida por outra tamén deliciosa interpretación de Catarina Miranda co tema “Para sorrir eu nâo preciso nada”, facendo que ata o último momento do televoto non souberamos quen ía gañar. E unha vez que o resultado foi definitivo, os portugueses volveron dar unha lección de saber estar, de educación e de unidade, apoiando sen fisuras á canción gañadora, cuxas intérpretes foron embarcadas simbólicamente nunha chalana que as vai levar co lema “All Aboard” ata esa marabillosa Lisboa aberta ao mundo e mimada polo océano.

Parabéns á RTP polo impecable espectáculo musical, pola estupenda realización, o perfecto son, a correctísima presentación e por darlle a importancia que se merecía dito evento. E gracias por convidarnos a vivilo en directo. Muito obrigado.

Te puede interesar