Opinión

Gracias Chicho

Chicho
photo_camera Ibáñez Serrador coa súa famosa calabaza "Ruperta".

Houbo dous momentos na miña vida profesional que recibín a uns convidados xeonllo en terra; a primeira foi no "Supermartes" cando chegaba por primeira vez o gran "Morris", para min toda unha referencia moito antes do meu desembarco na tele, na época en que este camaleónico actor xa triunfaba co Grupo "Artello" e os  "Celtas sen Filtro" de Méndez Ferrín; e a segunda foi cando recibín no  "Tequelexou" á magnífica Mayra Gómez Kemp, con quen tanto aprendín seguíndoa con verdadeira paixón cando conducía o sempre idolatrado "Un Dos Tres" do mestre Ibáñez Serrador. 

Teño que dicir facendo xustiza que o primeiro gran referente televisivo, a parte de Joaquín Prat que na miña nenez presentaba "Galas del Sábado" con Laurita Valenzuela, foi o presentador peruano Kiko Ledgard, o primeiro e acertadísimo gran fichaxe de Chicho; Kiko era a frescura e a simpatía naqueles primeiros momentos nos que o concurso aínda estaba en cueiros, e comezaban a desfilar por el emerxentes artistas e azafatas que cos anos acadarían grandes cotas de popularidade. Pero sería con Mayra, e a súa contaxiosa risa ampla e sonora, cando o "Un Dos Tres" se converteu en todo un fenómeno televisivo de culto que nos mantiña pegados aos nosos televisores. A subasta do programa, levada con mestría por esta comunicadora de altura, era deses momentos de absoluto enganche de toda a familia por ver se caía a "Ruperta", o coche ou o famoso apartamento en Torrevieja. O que parecía moi fácil de ver viña sendo o resultado de toda unha semana de preparación e gravacións intensivas, baixo a sabia batura dun mestre de cirimonias que non deixaba ningún cabo solto, o gran Chicho, do que os máis pequenos non podiamos ver a súa outra faceta como director de ficción por levar os seus programas dous rombos, que daquelas significaba ir directamente para a cama.

Poden crerme que agora, visto coa distancia do tempo, recoñezo que moitos dos que fixemos e facemos televisión tivemos un máster gratuito de como facer as cousas para chegar ao gran público e entreter. Aínda que o noso querido "Supermartes" tiña moitos máis puntos en común co "Sábado Gigante" que Don Francisco presentou durante décadas para toda Latinoamérica, os que lle demos vida sí que fomos plasmando moitas das cousas que Chicho nos foi inculcando ao longo das dez tempadas que durou o seu concurso, e eu aprendín especialmente que o contacto directo e sincero co público ía ser a base do éxito do programa, que tamén nos permitíu estar catorce anos en antena, enganchando a todo tipo de público, desde nenos ata avós. 

Levo estes días vendo todo canto especial poñen sobre o famoso concurso, recordando a aparición nel de ducias de artistas que para min chegaron a ser de devocionario, desde Mecano ata Héroes del Silencio; sen esquecer esa sabia picardia, hoxe moi controvertida, de como cada plano tomado ás azafatas estaba estudiado ao milímetro, como milimétricas eran as saias que lucían Lydia Bosch, Victoria Abril ou Paula Vázquez. Aínda lembro hoxe o follón que se montou por estes pagos coas famosas ligas das miñas queridas "azofaifas" do "Supermartes", ligas retiradas rápidamente da circulación e das que obviamente eu non tiña nada que ver.

Pero con erros e con acertos, eu gocei de dous grandes másteres televisivos, o do "Un Dos Tres" de Chicho e o do "Supermartes", co que seguramente eu algún día soñaba con presentar cando era fan incondicional de Don Cicuta.

Te puede interesar