Opinión

O gran concerto de Rubén Simeó en Alemania

Era unha cita que tiña marcada en maiúsculas, o mesmo que desde o verán teño mercadas as entradas para ver hoxe no Coliseum de A Coruña o espectáculo “Revolution on Ice”, do campionísimo patinador Javier Fernández, coa dirección musical de Carlos Jean e as voces en directo do eurovisivo Blas Cantó e Belén Aguilera.

E hai xusto unha semana fun convidado a un deses eventos ós que paga a pena asistir, o gran concerto que tiña pendente coa súa xente o gran trompetista Rubén Simeó, recén chegado dunha xira inacabable que o ten levado polos mellores auditorios, desde Xapón, Turquía ou China ata Brasil, Inglaterra ou México para dar concertos ou impartir clases maxistrais. Ás veces descoñecemos os nosos grandes talentos mentres que son admirados polos públicos máis esixentes de todo o  mundo. Este é o caso de Rubén Simeó, un xoven trompetista amamantado física e musicalmente nestas terras, e que o  pasado sábado demostrou no Auditorio “Mar de Vigo” o por que de tanto triunfo. 

Estivo acompañado pola Orquesta Sinfónica Vigo 430, na que seguramente estaban moitos alumnos e profesores do Conservatorio Superior de Música da cidade olívica, onde Simeó se namorou do instrumento, co empuxe decidido de seu pai, neses intres profesor de dito conservatorio, e que conseguíu que o seu neno con tan só 12 anos actuase como solista no Concerto de Navidad da Orquesta Sinfónica de RTVE no Auditorio Nacional de Madrid, retransmitido por TVE Internacional para todo o mundo. De aí a ganar premios en todo canto concurso se presentaba soamente foi un paso, sendo convidado polo gran Maurice André a participar en grandes e exitosos concertos que mesmo levaron a Rubén a conquistar en Stuttgart o Premio Europeo da Cultura como recoñecemento á sua brillante carreira, con soamente trece anos. 

Por todo isto e por moito máis había que estar o pasado sábado no concerto na cidade que o víu nacer, e aplaudir o virtuosismo amosado en cada unha das súas interpretacións, cun repertorio moi ben escollido para chegar a todo tipo de público.

A outra grata sorpresa da noite foi a aparición no escenario da miña querida Fátima Pego, marabillosa artista e persoa, coa que compartín durante unhas semanas a presentación de “Bamboleo”, exercendo agora de xurado en “Luar” nestes mesiños nos que esta Licenciada en Comunicación Audiovisual descansa da súa tamén enorme xira coa Orquesta “Panorama”, da que forma parte importante. Fátima interpretou maxistralmente con Simeó a intimista “Lela” que puxo ao público en pé. Fátima é unha desas persoas ás que da gusto coñecer e querer,  herdeira do bó facer musical da súa avoa, a pandereteira Xosefa de Bastabales, quen mesmo chegou a facer xira con Manu Chao.

Descubrín a Rubén Simeó nunha tarde de paseo pola vila portuguesa de Monçao, e desde aquelas profesámonos unha grande amizade e chámame “capitán”, imaxino que polos seus recordos de infancia cando vía o “Supermartes” e escoitaba por estas datas o “Capitán de Madera” cando era soamente un neno, como algúns dos que hoxe actuarán nos “Pequenos Fenómenos” da TVG, que presentarei con Lucía Regueiro e Víctor Bascoy.

Nada mellor para comezar este tempo de panxoliñas e agarimo no que lles desexo a todas e todos un moi Feliz Nadal.

Te puede interesar