Opinión

Hoxe con Abraham Mateo

Aínda que teño coincidido e falado con el en varias ocasións, será esta noite de sábado cando volva presentalo nun programa de televisión. A primeira vez fora hai xa case dez anos no “Tantarantán”, cando o neno de San Fernando (Cádiz) nos impactou coa versión do “Cuando tú no estás” de Raphael, acadando o programa o liderazgo absoluto de audiencia cun 23% de share. Desde aquel momento no que o tiven o meu carón souben que estaba diante dunha futura gran estrela, e non me equivoquei nadiña. 

Sempre acompañado pola súa nai Susana, que me abraza cariñosa cada vez que nos vemos, Abraham Mateo vai tecendo unha tea que xa abarca medio mundo, sendo en España e América Latina onde xa reina como un dos grandes; porque se no noso país acada records de ventas e obtén discos de ouro e mesmo platino, en países como México, Arxentina, Brasil ou Chile colga o cartel de entradas esgotadas en cada un dos seus concertos. 

É convidado polos máis grandes como Alejandro Sanz, con quen canta a dúo nalgún dos seus concertos, e el convida tamén a estrelas emerxentes como o grupo latino CNCO, os do “Reggaeton Lento” a subir ao escenario do Auditorio Nacional de Ciudad de México provocando un auténtico delirio; como tamén o provoca en lugares tan emblemáticos como o Teatro Gran Rex de Buenos Aires, o Capoulicán de Santiago de Chile ou o Palacio Municipal de Congresos de Madrid, por subliñar soamente algúns.

Pero ao marxe dese fenónmeno fan incontrolable, que o mesmo crea mitos que os destrúe para cambialos por outros máis novos, non hai dúbida algunha de que cando falamos de Abraham Mateo estamos a falar dun artista dos pés á cabeza, que gusta de ser perfeccionista ao máximo e participar activamente nos procesos de producción, gravación e masterización dos seus discos, como opinar sobre a escenografía, coreografías e posta en escea das súas interminables xiras a un lado e ao outro do Atlántico, facendo sempre oco para colaborar en películas, series e máis dun acto benéfico.

Abraham Mateo vén esta noite a “Bamboleo” disposto a sorprender unha vez máis; sei que vai cantar en rigoroso directo un tema que non interpreta en público desdes hai nove anos e que se convertirá nun deses momentos “Trending Topic” que tanto caracterizan ao artista nas redes sociais, onde é seguido por millóns de persoas en todo o mundo. 

A canción “Mi vecina” que hoxe tamén cantará no noso programa leva preto de sete millóns de visionados en YouTube, que se dí pronto, ou o “When you love somebody” con  máis de doce millóns. Dá vertixe para alguén tan novo que, seguramente gracias ao apoio familiar e ao do seu entorno máis próximo, non perdeu a visión da realidade, aínda que saiba que non pode saír a rúa con liberdade sen que se acheguen milleiros de persoas a saudalo. Non debe ser nada fácil.

Cóntame a súa nai que o seu fillo é tremendamente perfeccionista e que non deixa nada á improvisación, e non o dubido porque teño asistido a algúns dos seus milimétricos ensaios. 

Alégrame comprobar como dez anos despois, e xa con todo un mundo percorrido, chámame polo meu nome e non esquece aquela primeira visita ao meu programa e a Galicia. Será un pracer volvelo presentar antes de que colla de novo un avión cara Miami, onde o agardan novos retos.

Te puede interesar