Opinión

INVASIÓN LINGÜÍSTICA

Opinión

INVASIÓN LINGÜÍSTICA

Xa sabedes todos os que me seguides da miña desafección cara o inglés por moitos carísimos e desaproveitados cursos nos que me teña matriculado. Ao final xa me din por vencido e hai moito tempo que cando preciso viaxar procuro ir acompañado de alguén que me faga de intérprete, aínda que confeso que ás veces dame moita rabia non poder seguir o fío da conversa.

Pero dame aínda máis rabia cando no meu propio País, que ten uns idiomas e dialectos preciosos e universais teño que estar traducindo continuamente ou incorporando na miña bagaxe lingüística palabras e frases que non teño porque incorporar, xa que nas miñas linguas de berce teño palabras de abondo para utilizar.

Esta semana, sen ir máis lonxe, desvelábanse todos os espazos para actividades que se van crear cando o proxecto "Vialia" coa terraza e o centro comercial construídos sobre a nova estación de tren, ¿AVE?, e de autobuses de Vigo sexan unha relalidade. Tomen nota da cantidade de palabras inglesas empregadas para definir tales espazos: zona de "basket", "teqball", "pump track", "Urban Skate Area", "skate park", "halfpipe", "Espacio Food Court", "masterplan"..... Créanme que aínda sigo mirando o diccionario e preguntándolle á xente máis miúda polo significado dalgunhas delas, a mesma xente nova que cada vez con máis frecuencia relaciónase entre sí a golpe de "bro" ou "broher" cando ata hai pouco dicían "tío" ou "tía", esquecendo palabras tan nosas e tan bonitas para dirixirse a alguén como por exemplo "meu", que aínda que na miña zona non se emprega moito eu aprendín vendo a serie "Mareas Vivas" da TVG, nas que o personaxe de "Petróleo", encarnado polo gran Luis Zahera empregaba asiduamente.

Levamos moitos anos de colonización lingüística anglosaxoa, pero o dos tempos actuais xa é para preocuparse, esa modernez absurda de incorporar a velocidade de vertixe locucións inglesas que non teñen razón de ser nun País que ten algúns dos idiomas máis falados do mundo, e ben lindos por certo, é algo tan preocupante como o descenso de galegofalantes nas áreas urbanas por parte da poboación máis nova. 

Ata me incomodou a última entrega en Netflix da serie "Élite" na que o personaxe da actriz mexicana Danna Paola fala como o fan millóns de compatriotas e coetáneos seus, que por moito muro físico que lles poña Trump seguen querendo emular estúpidamente aos seus veciños do norte. 

Non foron poucas as veces que me cabreei de veras cando alguén se dirixía a min en inglés nese marabilloso País Azteca que tiven a ocasión de visitar nun par de ocasións; lembro especialmente a situación creada cunha auxiliar de terra dunha compañía mexicana de aviación que estaba empeñada en falarme de algo chamado "carry-on", pronunciado cun acento máis ianqui que o do inquilino da Casa Branca, e que por moita cara rara que eu lle puxera non estaba disposta a dicirme en perfecto castelán "que a seguise coa miña maleta de man"; unha vez máis precisei de traducción simultánea nun País castelánfalante. Perdoaríalle obviamente se me falase en Náhuatl,  Maya, Yucateco ou nalgún dos máis de 68 idiomas indíxenas que ese País ten e tiña antes da chegada dos españois a impoñer o noso, que aínda que non é o idioma oficial, porque en México non existe iso, sí é o idioma falado pola maioría da poboación. En fín, que a  rapaza era como diría Lucrecia na serie "Élite" unha pobre "wannabe". Ale, busquen no diccionario.