Opinión

Juan Erasmo Mochi

O cantante Juan Erasmo Mochi, lenda viva da música deste país.
photo_camera O cantante Juan Erasmo Mochi, lenda viva da música deste país.

Esta noite manterei unha animada conversa con Juan Erasmo Mochi, na que escoitaremos o seu novo single “Botafumeiro”, co que quere poñer un gran de area na promoción do Camiño de Santiago neste Xacobeo tan atípico que estamos vivindo, ou intuíndo, porque peregrinos, o que se dí peregrinos, de momento nada de nada. A estas alturas de ano en condicións normais serían auténticas lexións de camiñantes as que eu atoparía facendo os seus últimos metros cando subo cada mércores ás instalacións da CRTVG, moi pretiñas do Monte do Gozo. Agardemos que cos primeiros soles da primavera a cousa vaia collendo cara, e todo o esforzo realizado sirva para que Santiago e toda Galicia volvan estar no mapa de milleiros de persoas que á parte de abrazar ao Santo aproveiten para coñecer esta nosa preciosa terra.

Destas e outras cousas falarei con Mochi coa estupenda compaña do amigo Moncho Lemos, responsable de Radio Galega Música, ao que eu lle chamo cariñosamente o “Larousse” musical, por ser unha auténtica enciclopedia aberta de todo canto vinilo ou CD está no mercado. E falar con Juan Erasmo Mochi é falar cunha lenda viva da historia da música deste País, desde aquel “Escala en Hi-Fi” que el presentaba e que eu vía de moi neno nalgún bar de Allariz, que eran dos poucos que tiñan televisor, e onde descubrín por primeira vez que ás veces os cantantes soamente movían os beizos e o que realmente soaba era o disco, o tan polémico “play-back” que nos perseguíu ata os nosos días. Mochi non precisou nin precisa diso porque segue atesourando unha voz realmente prodixiosa.

Coñecín a Mochi persoalmente case sen querer, mentres eu actuaba co Grupo Brasas no Hotel San Martín de Ourense, mentres el ceaba nun salón contiguo, antes de dar o seu concerto na Sala Vanessa. Non esquecerei nunca aquel autógrafo que me firmou moi amablemente e no que escribíu: “De Compañero a Compañero, J.E. Mochi”. Case nada, eu con 18 anos “compañeiro” dunha das estrelas do pop español daquel momento e unha das miñas primeiras referencias televisivas. Así llo lembrei e agradecín o día da gran paella que nos preparou no restaurante vigués do Castro aos medios de comunicación cando veu a Galicia a promocionar o disco “Bajo el signo de Acuario”.

Será un auténtico pracer repasar con este querido artista moita da historia musical española, da que el forma parte como cantante, compositor e productor; e será un pracer dar a coñecer as súas últimas intervencións en Youtube onde nos agasalla cunha boa cantidade de anécdotas e experiencias da vida baixo o título de “Mira lo que te cuento”; non vos perdades algunhas desas historias acontecidas en Ourense e Vigo, onde actuaba frecuentemente. As salas “Auria” e “Nova Olympia” acollían a moitísimos destes importantes artistas ao longo de todo o ano, sendo Galicia un dos lugares que máis música en vivo contrataba.

Mochi confesoume neste novo reencontro que estaba en débeda connosco e que por iso quixo compoñer e cantar este “Botafumeiro” en versións castelán e galega; o mesmo que eu fixen cando me permitín o luxo de gravar no noso idioma a súa canción “El vino de Galicia”, que nos deixa pendente unha actuación conxunta que agardamos poder facer algún día. E será un auténtico luxo compartir escenario con este grande da música española e latinoamericana.

Te puede interesar