Opinión

Lembranzas de Nadal

Aínda que hoxe vén sendo o día despois de Nadal, vou seguir mantendo ese espírito que me acompaña cada ano por estas datas, como cando estaba recén saído do hospital hai xa un par de anos, e a miña afillada Sira, con catro aniños, cantábame na cea o fermoso “Tamborilero”, facendo que me emocionase ata o indicible, por ser o villancico que despois de tantos anos segue recordándome a aquel Raphael tan xoven que xa daquelas entraba nas nosas vidas, como entraban o Torneo de Baloncesto do Real Madrid e o anuncio de “Suchard”, a través da “Philips” en branco e negro que presidía o comedor da casa.

Aínda que eu era un neno ou preadolescente de moito ruar, recordo que por estas datas gustaba de pasar moitas horas na casa á calor da “Agny” de butano, naqueles decembros de xeadas de carambelo na fonte da Barreira e mesmo nas augas do Arnoia ao seu paso pola Acearrica. E gustaba da calor do fogar porque eran moitos meses os que o botaba de menos, por estudar no Seminario, en Cheste, en Eibar, na Coruña ou en Santiago, que así de variado foi o meu periplo académico, ao que hai que engadirlle un par de anos nos Maristas de Ourense, indo e vindo todos os días entre Allariz e Ourense nos inesquecibles autobuses do “Villalón”, por aquelas curvas de Taboadela tan odiosas para os que nos mareabamos con facilidade. 

Pero chegaba o Nadal e todo era marabilloso, volver estar cos amigos de sempre, de neno para seguir xogando os indios e vaqueiros ou as canicas, e xa de mozo para agardar a Noitevella e Reis para que a Discoteca “El Mesón” se engalanase para acollernos durante moitas horas de divertimento e ligoteo, nos anos anteriores a que eu me embarcase no Grupo “Brasas” e durante máis dunha década tivese a miña cita nesas datas cantando no Hotel San Martín e no Pazo de Ramirás. Aínda agora recordo con nostalxia a ilusión que me fixo en tempos de docencia poder alugar un apartamento na “Torre” de Ourense, con estupenda terraza e fantásticas vistas ao Parque de San Lázaro, sentíndome parte daquel edificio que tantas alegrías me dera anos atrás.

Gústame recordar eses momentos bonitos da vida, e volvendo á nenez, antronte coma quen dí, lembrar os escaparates do “Pena” e do “Pío”cos xoguetes que iamos pedirlle aos Reis, sabendo como sabiamos que os “Scalextric” non chegaban para todos; nada que non resolveran un par de pistolas, unha estrela de sheriff e un gorro de “Bonanza”. E se nalgún programa musical da tele tiñamos a sorte de que actuase algún gañador ou famoso de Eurovisión como os ingleses Sandie Shaw e Cliff Richard, os de “Marionetas en la Cuerda” e “Congratulations”, a alemá Katja Ebstein de “Siempre hay algún Milagro” ou o monegasco Jean Jacques de “Maman Maman”, pois xa eramos felices, xa que eran das poucas ocasións nas que podías ver aos teus artistas favoritos ao longo do ano. Recordo perfectamente como gozaba nalgunha daquelas entrañables noites vacacionais, vendo en familia aquelas “Galas del Sábado” presentadas por Joaquín Prat e Laurita Valenzuela que nos traían os éxitos do momento nas voces das triunfadoras eurovisivas Gigliola Cinquetti, a de “Non ho l’èta” e France Gall, a de “Poupée de cire, poupée de son”, unha das cancións que aínda hoxe sigo utilizando como sintonía nalgún programa de radio. E todo elo, como escribía a pasada semana, á marabillosa calor do fogar.

Te puede interesar