Opinión

O magosto para agosto

Unha persoa mostra unhas castañas recién apañadas.
photo_camera Unha persoa mostra unhas castañas recién apañadas.

En min, como sei que en moitos de vostedes, cúmprese ese dito tan coñecido de “tan ben me sabe como dano me fai”. Comigo cúmprese polo menos con dous manxares aos que non renuncio así rebente; unha boa empanada de carne, da que se me excedo un chisquiño, e dependendo da calidade do aceite que leve, empezo a notar os seus efectos devastadores ás dúas ou tres horas de darme o atracón; e as marabillosas castañas, das que tanto gusto que me impide parar de comelas na sobremesa ata que queda na fonte a máis chamuscada e “chuchurría” de todas, sabendo como sei que vou ter “posoperatorio” para uns días. 

Con isto da perimetraxe preventiva o certo é que moitos quedamos sen os primeiros cocidos do outono e sobre todo sen os primeiros, segundos e terceiros magostos, feito que se por un lado amola o seu, por outro axuda a baixar eses rebeldes quiliños que se instalaron na linea de flotación desde o primeiro confinamento e dun verán no que a dieta quedou para mellor ocasión. Nada do outro mundo se non fora porque en moitas gravacións de “Bamboleo” teño que facer filigranas para enfundar algunhas das americanas que hai uns meses quedábanme coma pinceis; pero todo se andará e volverá ao rego, aínda que me gustaría descubrir quen foi o listo que dixo que nas chaquetas de vestir soamente se pode abotoar o de arriba; imaxino que sería un “sílfide” con cara de leite fervido que nunca soubo o que un bo cocido galego repercute na estabilidade emocional dos seres vivos; porque salvando á xente máis noviña e a eses que teñen un pacto co demo para non coller un quilo de máis, ao resto dos mortais saenos o “flotador barriguil” entre a parte baixa da chaqueta na que os botóns parecen estar de adorno. 

Nesto das modas somos todos uns papanatas; ¿cantas veces nos dixeron que os calcetíns brancos e grosos non se podían poñer máis que con zapatillas de deporte?; pois miren vostedes, agora a toda a moderna rapazada que levan os pantalóns “pitillos” subidos ben por riba do nocello déuselle por lucir os susoditos calcetíns brancos con franxas de cores, mesmo na praia nos días abafantes de verán. Agora no inverno prefiren conxelarse levando uns minúsculos “pinkies”. Cousiñas da idade que todos pasamos, e senón rescatemos algún album de fotos deses que andan perdidos pola casa.

O único que sempre pasou polo forro dos cataplíns dita moda foi Michael Jackson, que aparecía en todos os concertos con aqueles zapatos tipo “castellano” cos seus correspondentes calcetíns de deporte brancos e aqueles pantalóns que mesmo parecían mercados en calquera cutretenda de terceira man; pero claro, era Michael e podía permitirse o luxo de poñer unha chanca na cabeza se lle viña en gana.

E falando de moda en tempos de pandemia, o mesmo que tratamos de axudar á restauración pedindo algún xantar a domicilio, non estaría mal mercar, se se pode, algunha prenda de roupa, aínda que soamente sexa para facer un desfile de modelos polo pasillo da casa no momento en que poidamos volver xuntarnos para recuperar os cocidos e magostos que o virus nos debe, e de paso botar unhas risas. E se isto tarda, teremos que facerlle caso a aquela canción de Os Resentidos que dicía: “San Martiño oficial, de Monforte ao Nepal, o Magosto para Agosto” , aínda que sexa con grelos de bote, que están riquísimos  por certo, e con castañas pilongas.

Te puede interesar