Opinión

Nando Casal e Milladoiro


Despois de que esta pasada noite comenzase a nova tempada do “Bamboleo” radiofónico co artista convidado que a inaugura desde hai varios anos, que non vén sendo outro que o meu amigo Roi Casal, o que ao parecer nos sirve aos dous como amuleto da sorte, e sobre todo despois de que este verán puidese gozar do seu espectáculo “Son Galego Son Cubano” ao carón do Mar de Cangas, nese repaso marabilloso da obra de Neira Vilas; quixen que esta noite de sábado ás 12 nos acompañase no programa un dos fundadores e alma máter de “Milladoiro”, o seu pai Nando Casal, de quen Roi, soubo desde ben cativo ir sacando o mellor da súa música e da súa persoa, e abofé que o sacou.

E nunha cea conmemorativa en “Harpazul”, o precioso complexo de Apartamentos que rexenta o amigo Roi en Catoira, e no que algúns dos músicos que o acompañan no seu espectáculo deron un concerto de música cubana realmente fantástico, tivemos a agradable sorpresa de que no medio do mesmo subiu ao escenario esta lenda viva de “Milladoiro” que vive por e para a música.

Os que nos enganchamos á música galega da man de Fuxan os Ventos, Voces Ceibes ou Milladoiro seguimos emocionándonos cando escoitamos moitas das súas cancións e sobre todo se temos a oportunidade, como é o caso de Milladoiro, que segue vivo e coleando, e de que maneira co seu último disco “Atlántico”, de volver gozar da súa música como gozamos naqueles finais dos 70, cando o grupo se daba a coñecer emocionándonos naqueles concertos memorables na Praza da Quintana, onde comenzábamos sentadiños nas súas escalinatas e rematamos bailando como posesos o “Pasodoble do Berbés”. Digo o da Praza da Quintana, porque para min é un deses lugares míticos onde teño gozado de moitos artistas que por alí pasaron e que fixeron que collera o coche desde Ourense para brincar ao ritmo de Miguel Bosé, La Unión, Gilberto Gil e tantos outros grupos e solistas que por alí pasaron e pasan. Ben é certo que cando un descobre o auditorio vigués de Castrelos ten que renderse a evidencia de que nos atopamos nun dos lugares máis máxicos no que un pode asistir a un espectáculo ou mesmo presentalo, como tiven a oportunidade de facer en varias ocasións; lembrando especialmente un da sempre marabillosa “Coral Casablanca”, que tivo a deferencia de nomearme “Compoñente de Honra”, e no que exercín de mestre de cerimonias diante de milleiros de persoas que abarrotaron o recinto aplaudindo como soamente as xentes das Rías Baixas saben aplaudir.

De Milladoiro conservo moitos LPs, desde aquel primeiro “A Galicia de Maeloc” do 79 que xa nos gañou para a causa, ata moitos dos que viñeron despois, mesmo os das Bandas Sonoras para películas que lle valeron Premio Goya, e agora xa en formato dixital gozando de “Atlántico”, o último publicado. Seguín a súa formación cos diferentes compoñentes, desde a época de Antón Seoane e Rodrigo Romaní, pasando polo desembarco do moi novo Roi Casal que debutaba nada menos que en Madrid, para aos poucos días ir de xira polo Xapón coa súa arpa, ata este momento no que se incorpora o querido Manu Conde, que no seu día compuxo a música de “Preciso de ti”, unhas das cancións máis fermosas de cantas eu lle puxen letra e teño cantado. E sempre, sempre, coa figura presente deste home co que conversarei esta noite ás 12 na Radio Galega, o gran Nando Casal.

Te puede interesar