Opinión

Neno de monte

Vizcaíno, nunha actuación.
photo_camera Vizcaíno, nunha actuación.

Alá polo mes de marzo do ano pasado falabamos aquí do proxecto discográfico de Xabier Vizcaíno, cun adianto no “Bamboleo”, acompañado da súa irmá Lucía Pérez, no que recreaban a canción que no seu día popularizara Suso Vahamonde, musicando un fermoso poema de Bernardino Graña titulado “Como hei vivir mañá sen a luz túa”. Pois xa está aquí o traballo completo en forma de Libro-Disco que nos ofrece cinco relatos e seis cancións, onde o cantautor fai unha sentida homenaxe ao mundo rural e a ese monte no que vive e tanto quere, a “Terra Brava” do Incio. Xustamente aí, entre o encoro de Vilasouto e a parroquia de Goo, gravouse o videoclip de “Camiños”, o primeiro single que nos adiantaba a finais do ano pasado como anticipo de todo o que estaba por oir e por ler. E digo ler porque o amigo Vizcaíno quixo nesta ocasión rescatar ese tesouro tan prezado que é a transmisión oral dos seus avós, que o inspiraron para escribir cada un dos relatos que nos transportan a outras épocas, onde para ir das terras luguesas do Incio ata a feira de Amoeiro en Ourense había que botar tres días de viaxe coas conseguintes paradas para “repostar” e durmir, aínda que á volta, para un pequeno traxecto, se utilizase o servizo de “Los Americanos”, aquela empresa de chamativos autocares brancos que eu tanto lembro das feiras de Allariz.

E de recordos vai a cousa, e de feitos, lugares, personaxes, e mesmo de burros que falan, como Paulino, un dos protagonistas dos relatos do libro; e entre viaxes, brincadeiras, seituras e ruadas, Xabier Vizcaíno vainos metendo en cada unha das súas historias como se estiveramos compartindo lareira nunha destas noites frías de xaneiro. Eu aínda posúo algúns deses recordos da nenez cando ía a Roimelo á casa dos meus avós; pero non fai falta ter moitos anos para gozar coa lectura destes relatos, todo o contrario, sempre é bo que a xente máis nova se empape de toda a sabedoría que lles poidan aportar os seus maiores; e Vizcaíno empapouse de todo o que lle contaron os seus avós; e despois dun exercicio literario realmente lindo, e sei de boa tinta que lle levou traballiño, quixo compartilo con todos nós, agasallándonos tamén con seis fermosas cancións incluídas neste novo Libro-Disco titulado “Neno de Monte”, onde Xabier ten máis presente que nunca esa frase de Rosalía de Castro coa que pecha o libro: “Só a lembranza de onde veño me axuda a saber cara onde vou”.

E Vizcaíno sabe ben a onde quere volver de novo, aos escenarios, aos de aquí e aos desa América que o enfeitizou desde o primeiro día que puxo un pé nela coa súa guitarra ao lombo, empapándose da cultura, das cores, dos sabores, e da vida das súas xentes; e a cambio ofrecéndolle as súas composicións no seu periplo por Colombia, Perú, Bolivia, Chile, Arxentina, Uruguay ou Brasil. E México, sempre México lindo e querido, a onde está desexando volver despois da xira de 2018 que o levou por medio país. Lugares que seguen no seu maxín á hora de compoñer nesa máxica “Palleira” da súa casa do Incio, reconvertida nun estudo de gravación, e de onde saen as mellores e máis sentidas melodías.

Xa sei que pasaron os Reis, pero non agarden por ningunha efeméride para agasallar a alguén ou a vostedes mesmos con esta xoia musical e literaria que Xabier Vizcaíno vén de presentar.

Te puede interesar