Opinión

O novo single de Diego Nóvoa

Hai xa uns dias que o artista ourensán Diego Nóvoa fíxome chegar o seu novo single “Madrid”, lanzado o pasado día 9 e completado agora coa aparición do video nas redes sociais desde o día 13, conseguindo situarse no posto 35 das listas de descargas de iTunes a nivel de España.

Fáltame tempo para chamalo e conversar un chisco con el recén chegado de Madrid, onde estivo estes dias gravando cancións con importantes productores que están por tras de moitos dos éxitos de Efecto Pasillo ou Auryn. Neste primeiro single, aparecido despois do seu disco “Nueve”, quixo contar con Ernesto Teruel,  productor afincado en Galicia que conta no seu haber temas para Carlos Baute ou Franco de Vita. Diego quixo que Ourense estivera moi presente no single e, aínda que boa parte se confeccionou en Madrid, sí que leva moito traballo previo feito na cidade que ama, e na que continúa vivindo e traballando á fronte do pub “Keops”.

Pregúntolle a Diego Nóvoa polo contido da canción e dime que fala da morriña que sente calquera ourensán ou galego que ten que ir vivir fora da súa terra, neste caso en Madrid, cidade acolledora onde as haxa e que no video aparece reflictida ben fermosa en rúas e prazas como as de Callao, Fuencarral, Gran Vía, Cibeles ou mesmo o Templo de Debod. Dime tamén que este tema é unha carta de presentación do que ao longo do ano pode ser un disco completo para o que xa está traballando duro aínda que, como prácticamente fan todos os artistas hoxe en día, vaia dosificando single a single aproveitando a gran difusión que agora se pode ter a través das redes sociais. Eu agardo que o programa que eu presento conte pronto coa actuación deste xoven artista, por méritos propios e, por suposto, porque é da terra e xa sabedes que iso é un plus.

E da terra, e moito, é tamén o noso querido Xabier Díaz que esta noite comeza a súa nova xira de presentación de “Noró” no Auditorio “Mar de Vigo”, acompañado como sempre polas estupendas “Adufeiras de Salitre”; unha gran xira que os levará de inmediato pola Sala “Capitol” de  Santiago e polo Teatro “Rosalía” da Coruña, onde xa non quedan entradas, para continuar por moitas cidades de Alemaña, Bélxica e Suecia, ademáis da mítica Sala “Galileo Galilei” de Madrid. 

Esta fin de semana hai un montón de bos concertos por toda Galicia e para todos os gustos, e sen ir máis lonxe podemos gozar en Vigo e Ourense da artista de orixe irlandesa-catalá Núria Graham, coa súa voz e a súa guitarra eléctrica poñendo música ás súas letras sensuais e cativadoras, que actuará no vigués “Radar Estudios ” e no “Torgal” ourensá.

E non me quero esquecer dun estupendo dúo que, casualidades da vida, despois de aparecer no “Bamboleo”, e aínda que non sexa por iso, non paran de percorrer todo o Estado, reivindicando que a verbena faise con “autotune” e xa non é para vellos, recuperando a cumbia para orquestar a banda sonora do século XXI. Divertidos son un cacho, e están colleitando excelentes críticas dos medios de comunicación de todo o Estado, pensando xa nas cancións que conformarán o seu segundo disco que pretenden sacar este ano. Se os ven anunciados non deixen de ir velos, paga a pena.

Te puede interesar