Opinión

O bus do Athletic

Alí estaba, aparcado maxestuoso para que eu me topara con el á saída do xantar dos Premios da Crítica Galicia, celebrado no Hotel Los Escudos de Vigo. Era o autobús co que se moverían os “leóns” na súa visita a Balaídos, que para alegría do Celtismo pasaron con máis pena que gloria, xa que como ben sabemos, hai unha semana que os vigueses lle impuxeron un contundente 3-1 aos amigos bilbainos. 

Aínda non me repuxera eu de todo, tanto da catarreira que me acompañaba inmisericorde como da emoción que me producira o Premio que o xurado do apartado de Música destes prestixiosos galardóns lle outorgou ao cantante Luis Emilio Batallán. Maís que merecida esta distinción aínda que soamente fora, 42 anos despois, para recoñecerlle a este médico reconvertido en trobador aquel marabilloso traballo discográfico titulado “Aí ven o Maio”, que sendo un auténtico superventas na época incluía pezas tan deliciosas como “Agardarei” ou o “Quen Puidera Namorala” de Cunqueiro, canción á que moitos dos que amamos a música galega quixemos renderlle homenaxe, no meu caso participando nun dueto con María do Ceo no seu fantástico dobre album “De Portugal a Galicia Fado”.

Estaba pachuchiño o amigo Batallán cando recolleu moi emocionado o Premio e así nolo confesou en público, pero foi quen de sacarnos algúns sorrisos polas anécdotas contadas da súa primeira complicada relación co escritor de Mondoñedo, e logo poñéndonos un nó na gorxa cando nos brindou unha canción “a pelo” co seu trofeo ben agarradiño. Recibíu a maior ovación do acto.

Gran xuntanza como cada ano para homenaxear aos nosos creadores da man da Fundación Premios da Crítica Galicia, presidida polo sempre entusiasta escritor e editor de Padroso, Xunqueira de Ambía, Bieito Ledo, que xunto co pintor Antón Pulido e moitos outros entusiastas máis seguen mantendo vivo aquel espírito fundacional co que o Círculo Ourensán Vigués lle deu a testemuña no ano 1978. Unha xuntanza á que teño a honra de ser convidado en cada edición, e que este ano, por celebrarse o seu cuadraxésimo aniversario, fixo que os grandes salóns do magnífico Hotel Los Escudos estivesen completamente ateigados de moitas caras coñecidas do mundo empresarial, artístico, político, científico, universitario, gastronómico ou literario. 

E coa alegría que transmiten estes eventos xa soamente faltaba atoparme á saída co autobús do Athletic Club, ao que lle fixen esta foto recordando aqueles anos vividos no País Vasco onde acudir a San Mamés foi un deses acontecementos inesquecibles para un rapaz de quince anos. Iso e atoparme na cafetaría do hotel antes de marcharme co gran José Ángel Iríbar, o “Chopo”, ídolo de todos aqueles nenos que coleccionabamos os cromos dos equipos de fútbol e da selección española, da que el foi porteiro durante moitos anos. Quedeime coas ganas de facerme unha foto con el, pero non me pareceu oportuno incordiarlle a animada conversa que estaba mantendo con outras persoas da expedición bilbaína; pero sí que o estiven fitando e admirando como o admiraron todos os que o despediron con bágoas nos ollos no vello San Mamés co famoso berro de “Iríbar, Iríbar, Iríbar es cojonudo, como Iríbar no hay ninguno”

Te puede interesar