Opinión

O comercio local e vida

Escribo estas liñas un día antes de que Nova Iorque, París ou Londres morran de envexa ao ver como os cidadáns de Vigo locen a última tecnoloxía en gafas de protección ocular para gozar, sen medo a desprendementos de retina, co que parece vai ser "o nunca visto en lucerío", en palabras do rexedor da cidade olívica.

E tamén escribo unhas horas antes desa loucura colectiva importada do mundo ianqui de compras desaforadas polo ditoso "black friday", que agora dura non sei cantos días, facendo que aqueles periodos de rebaixas de antes queden moi descafeinados, entre outras cousas porque co cambio climático que xa está con nós a maioría dos comercios teñen que facer filigranas para poder vender abrigos e gabardinas en outonos de vintecinco graos á sombra. E leo no xornal de onte venres como o pequeno comercio ourensán, moito del pertencente ao Centro Comercial Aberto ou á nova asociación chamada "Comercio Vivo Ourense", que polo que leo é unha excisión do primeiro, e non serei eu quen me meta en camisas de once varas opinando se eso é bo ou malo, loita contra vento e marea por manterse vivo e ser o suficientemente atractivo como para competir cos grandes monstros comerciais que cal Goliat dan a impresión de seren invencibles.

Ben, pois no meu caso sigo apoiando con simpatía a todos eses pequenos empresarios e emprendedores que abren ilusionados cada día as portas dos seus negocios, sabendo como saben que é unha loita titánica, na que a venda "on line" e todas esas campañas de "mid-season" e ofertas polo estilo son unha espada de Damocles que pende cada día máis sobre as súas cabezas. Pero eu quero animalos, porque aínda somos moitos os que gustamos de ver as nosas cidades e vilas cheas de pequenos establecementos que nos ofrecen de todo e que son os que lles dan vida e cor ás nosas rúas; nestas datas nas que nos sae a vea consumista, ben propiciada por toda a publicidade invasiva, nada mellor que sair ben abrigadiños para atoparnos con amigos e coñecidos cos que compartir un café e unha boa conversa cara a cara, sen WhatsApp de por medio, e entrar neses negocios onde aínda che seguen chamando polo teu nome. Seguramente aí é onde máis deben traballar estes pequenos empresarios e empresarias, no trato cercano, no mimo á hora de ofrecer os seus productos, porque repito, somos moitos os que aínda valoramos enormemente as relacións humanas e non nos doe pagar ás veces un chisquiño máis. 

Estamos fartos de falar con contestadores automáticos e con máquinas sen alma, e agradecemos moitísimo un sorriso ou un cálido "bos días" cando queremos facernos con algún producto. E agradecemos o esforzo do pequeno comercio por seguir facendo das cidades e vilas algo vivo, con movemento e dinamismo; e ogallá que moitas desas galerías, que hoxe "morren ao caxato", volvan recobrar parte do seu explendor doutrora. 

Eu son un namorado das Galerías Centrales do Paseo ourensán e das Galerías Durán na rúa Príncipe de Vigo, e sempre que podo paso por elas para tomar un café ou para mercar algunha cousa. Non vou dicir aquí que paso olímpicamente das grandes areas comerciais, porque non é certo, pero sempre que podo merco no comercio local, porque sei que contribuo a darlle vida ao lugar onde vivo, ou no caso de Allariz e Ourense, aos lugares que tanto amo.

Te puede interesar