Opinión

O luxo dos colaboradores

Onte venres dediqueille o último programa da Sesión Vermú na Radio Galega ao meu compañeiro Carlos Jiménez, con quen me divertín do lindo con todas as súas ocorrencias e o seu bó facer diante do micrófono. Neste todoterreo da comunicación conflúen o oficio, gañado a base de tocar moitos paus, e as ganas constantes de dar o mellor de sí e remar a favor, cousa non menos importante. Conseguimos o obxectivo que tiñamos marcado desde os tempos nos que Sevi Martínez, hoxe conductor da "Revista" na TVG, era o meu axudante de luxo e, ao igual que pasou con Jiménez, mesmo parecía que nos lésemos o pensamento a distancia, estando eles nos estudios de San Marcos e eu na Delegación de Vigo. Sempre tiven a inmensa fortuna de estar moi ben acompañado á hora de facer radio, como vai ser o caso a partir de setembro con Carlos Roma, compartindo o "Bamboleando" nas madrugadas dos venres e sábados e reencontrándonos tantos anos despois. 

Sempre insistín moito en que os programas fanos os equipos e os colaboradores, sen eles é imposible levar nada a bó porto, e non saben o que me alegro de ver como van progresando profesionalmente, tanto aqueles saídos do "Supermartes" como o gran Isi, como os do "Acompáñenos", aquela fornada de xóvenes entusiastas que agora nos encandilan desde outros programas e series da "Casa" como Juan Fuentes, María Mera ou Inma Morandeira, ou desde programas de canles a nivel estatal como Alba Lago, Pepe Real ou Ricardo Pardo, por citar soamente a algúns deles; sen esquecerme de todos os realizadores, guionistas ou técnicos que pasaron de ser axudantes a colleitar nas vitrinas das súas casas os premios máis cotizados no mundo audiovisual.

Non podo olvidarme nunca do apartado humorístico e artístico, porque sen eles o traballo dos presentadores de programas espectáculo quedaría en nada; sempre lle agradezo ao gran Touriñán que lembre que foi no "Supermartes" onde "Os dous de Sempre", con Marcos Pereiro, se deron a coñecer ao gran público antes do enorme éxito de "Mucha e Nucha"; cousa que tamén recorda o showman Roberto Vilar, que fixo algunhas das máis memorables cámaras ocultas que eu recorde, e seguramente por non esquecer nunca de onde veñen é polo que lles vai estupendamente e contan co favor da gran audiencia. 

E por ese mesmo motivo tenlle que ir moi ben aos meus queridos Zequiel e Milincho, "Os Entendidos", íntimos amigos dos actores de dobraxe Damián Cortés e Juan Diéguez, que conseguiron meterse cada xoves nas casas e nos coches de milleiros de galegos para facerlle pasar uns minutos de auténtica diversión co humor máis galego, tolo e intelixente que se poida escoitar. Agardo que algún día dean definitivamente o salto á pantalla cos seus monecos para que todo o mundo poda gozar da súa arte, que lles podo prometer que é moita, e por iso agardo que sigan connosco na próxima tempada de radio, tanto nas mañás con Kiko Novoa como na fin de semana comigo. Foron o meu último descubrimento mediático e alégrome infinito de telos atopado, o mesmo que no seu día me atopei cun tipo de Arteixo, que se presentaba no "Bamboleo" como "aprendiz de humorista" e que se consagrou  artísticamente como o gran Pepe Capelán,  a quen lle desexo todo o mellor na súa carreira profesional.

Te puede interesar