Opinión

O público necesario

Opinión

O público necesario

Merche
photo_camera Merche

Está claro que calquera espectáculo precisa de público para darlle sentido, o mesmo que as canles televisivas necesitan saber que hai alguén aí diante da pantalla.

E aí estamos todos, precisando da nosa "parroquia" como auga deste maio que xa se vai cheo de calores; eses centos de persoas que cada semana se achegan aos platós de "Land Róber", "Luar" ou "Bamboleo" para darnos pulo a todos os que conformamos o espectáculo, por diante ou por detrás das cámaras. Os presentadores, cantantes, actores, bailaríns ou humoristas precisamos do sorriso cómplice, a gargallada ou o aplauso para sentírmonos arroupados coa sensación de que o que facemos ten sentido. Sen público en directo podes manter unha tertulia, un programa de entrevistas ou programas informativos, pero o espectáculo precisa dos seus seareiros "a pé de campo".

E é por iso que en canto as autoridades sanitarias nos permiten ir enchendo os aforos de xeito paulatino non tardamos nada en volver solicitar a presenza da parte máis importante dos programas. Esta semana xa empezaron a sentir esa calor os amigos Vilar e Gayoso cos seus equipos, e hoxe sentirémolo nós, porque "Bamboleo" volve ao completo e sen renunciar a ningunha das seccións que compoñían o programa antes da pandemia. Evidentemente será un número de espectadores no plató moi inferior ao que estamos acostumados, con moitos espazos baleiros para manter a distancia de seguridade, e con Javier Varela, o noso pianista, no alto do "poleiro" presidindo as bancadas, pero xa será importante sentilos aí, para aplaudirlle aos nosos bailaríns, aos participantes da "ITV do Amor" e da "Jrileira", aos cantantes do "Agora ou Nunca", e a nosa estupenda ourensá  Tamara Pérez, que vai interpretar en directo xunto co mestre Varela un tema de Mariah Carey que vainos deixar coa boca aberta; canta moito esta nosa artista ben coñecida en Ourense tanto polas actuacións co seu inseparable guitarrista Miguel Araújo, como por todos os programas conducidos con éxito en "Telemiño".

E, por suposto, aplaudirlle tamén aos artistas Hugo Torreiro e Merche que completan, e de que xeito, a parte musical do programa xunto coa orquestra "M3".

O coruñes Hugo Torreiro ven estrear un novo single, composto nestas semanas de confinamento, despois de ter emocionado a moitas persoas co anterior traballo dedicado ás persoas con Alzhéimer e ás súas familias; e a marabillosa gaditana Merche que interveu no último programa que fixemos antes do parón a través de videoconferencia, e onde nos prometeu que en canto puidese viaxar estaría con nós, aínda que non voen os avións e se maree no coche, para iso está o tren. A Merche pilloulle a pandemia xusto ao comezo da promoción do seu novo traballo "Es ahora", un fermosísimo e comprometido disco, tendo que interrumper a xira e os concertos; pero xa mira cara adiante con optimismo e confésanos que haberá que adaptarse á situación e actuar en aforos máis pequenos, pero que a música ten que seguir formando parte importante das nosas vidas, unha arte da que viven milleiros de familias no noso País.

Os que facemos "Bamboleo" estamos moi agradecidos da resposta en audiencia que tivemos nestas semanas de programas xa emitidos anteriormente, e agardamos que nesta nosa volta ao plató, con "público" suceda o mesmo. Créanme que lle imos botar moitas ganas.