Opinión

O "Universo" de Blas Cantó

Co cantante Blas Cantó no "Bamboleo".
photo_camera Co cantante Blas Cantó no "Bamboleo".

Pois xa está aquí o “Universo” co que Blas Cantó vai representar a España en Eurovisión. Había máxima expectación entre os “euro”, “neuro” e “tali” fans por ver do que era capaz este murciano que no seu día aceptou de moi bó grado representar ao seu País no maior evento musical europeo; poñendo fín así á dictadura Operación Triunfo no que máis dun concursante confesaba polo baixiño ou de viva voz que non lle apetecía nada asumir tal responsabilidade; xa desde os tempos de Beth, que logo faría un estupendo papel no Festival, acadando en Riga o 8º posto co seu pegadizo “Dime”. Pero coincidiredes comigo que sempre está mellor que o intérprete reme a favor desde o principio, como foi o caso de Miki o ano pasado, aínda que “La Venda” non conseguira convencer aos xurados, pero sí aos artistas e ao moito público congregado no Centro de Convencións de Tel Aviv; sen esquecernos das sempre marabillosas Pastora Soler e Ruth Lorenzo que, con gran poderío, a primeira sobre o escenario de Bakú co “Quédate conmigo”, e a segunda en Copenhague co “Dancing in the rain”, conseguiron un décimo posto, moi cativo para a moita arte que exhibiron no escenario.

E este ano tócalle o turno a Blas Cantó, que xa estivo a piques de ir a Düsseldorf con Auryn, se non fora porque na preselección se lles cruzou polo medio unha entusiasta Lucía Pérez, que a pesar de levar unha canción imposible demostrou sobre o escenario alemán como as gasta unha galega. Non quero nin pensar o que ocorrese se o seu productor Chema Purón lle puidese facer un traxe a medida, como no seu día lle fixo a Anabel Conde para que marcara un dos fitos da historia de Eurovisión, facendo que os membros da orquestra aplaudisen o espectacular “Vuelve Conmigo”, que de non aparecer aquel “Nocturno” dos noruegueses Secret Garden, houbera permitido que España gañase o Festival, despois de tantos anos.

Blas Cantó ten todas as papeletas para facer un magnífico papel no “Eurovivión Song Contest” de Róterdam. Sóbralle voz e oficio para namorar a Europa; a estas alturas xa hai entre os eurofáns opinións para todos os gustos con respecto á canción, a min paréceme un bó tema  como para que se luza e sorprenda, como sorpresivo é o video da canción gravado en Lanzarote; non é unha canción das chamadas eurovisivas, e nalgún momento lémbrame ao belga Loïc Nottet que acadou un meritorio cuarto posto cun tema absolutamente persoal e afastado dos parámetros típicos do Festival, como persoal e este de Blas no que el dí afondar nas súas emocións e reconciliarse con seu “eu interior”. 

O que sí observei desde o primeiro momento é a enorme presenza e importancia duns coros impecables na gravación de “Universo”; agardo que o equipo de TVE encargado de que esto chegue ao mellor porto posible lle asignen unhas voces impresionantes que o arroupen e unha posta en escea efectista que camele aos xurados e ao público europeo, porque a canción, e sobre todo o intérprete, meréceno. Eses sufridos coros que o mesmo que pasou coa orquestra no seu día, xa nin aparecen na maioría das ocasións sobre o escenario, cando en moitas cancións son a base que sustenta o producto. Creo que o noso artista vai apostar pola súa total visibilidade e nós aplaudiremos tal decisión.

Dí Blas Cantó que a canción é grandiosa como o Universo e que cando a canta se sente libre. Nós sentiremos que sobre o escenario está un grandioso intérprete que sorprenderá a Europa.

Te puede interesar